Julian Assange, cando contar os segredos dos grandes estados non é "espionaxe", senón información

O Colexio de Xornalistas saúda a liberdade do xornalista tras se anos refuxiado na embaixada de Ecuador e cinco preso no Reino Unido.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/06/2024 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia congratúlase de que o fundador de Wikileaks Julian Assange recupere, tras doce anos, a súa liberdade, mais advirte tamén de que a consideración como espionaxe da publicación de informacións é un ataque ao xornalismo e aos dereitos de toda a cidadanía. 

Julian Assange, fundador de WikiLeaks
Julian Assange, fundador de WikiLeaks

 A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia celebra a liberación onte, tras doce anos de distintas privacións de liberdades, de Julian Assange, fundador de Wikileaks. O xornalista australiano asinou este luns un acordo co Departamento de Xustiza dos Estados Unidos polo que comparecerá ante un tribunal das Illas Marianas do Norte onde será condenado a 62 meses de prisión. Esta sentenza daráse por cumprida cos cinco anos que leva na prisión británica de Belmarsh, polo que a Assange se lle permitirá finalmente regresar sen restrición algunha ao seu país natal. 

A posta en liberdade de Assange é unha boa nova para o xornalismo mundial e para todas as persoas e organizacións que loitamos ao longo destes doce anos polos seus dereitos. Con todo, sen entrar a cuestionar, como non podía ser doutra maneira, as súas razóns para chegar a un acordo, é importante lembrar que o fundador de Wikileaks tivo que recoñecerse culpábel de violar a Lei de Espionaxe estadounidense ao publicar documentos militares e diplomáticos que revelaban crimes de estado. A ledicia pola liberación de Assange non pode facernos esquecer que a consideracion como espionaxe da revelación de segredos, cerne do xornalismo, non é senón un ataque intolerábel á liberdade de información da cidadanía. 

Con este acordo ponse fin aos doce anos que Julian Assange pasou en distintos réximes de privación de liberdade, desde que en 2012 decidira refuxiarse na embaixada de Ecuador ante a negativa británica a facilitarlle unha saída segura a este país, que lle facilitara asilo diplomático. En abril 2019, o goberno de Ecuador retiroulle o asilo, polo que Assange foi sacado pola forza da embaixada e detido pola xustiza británica. Desde esa data, estivo preso cinco anos no cárcere de alta seguridade de Belmarsh, ás aforas de Londres, mentres pairaba sobre el un proceso de extradición aos Estados Unidos para enfrontarse a un xuízo que o propio Tribunal Superior de Xustiza británico non considerou garantido que fose ser xusto. 

En numerosas ocasións ao longo destes doce anos, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense manifestado en defensa de Assange e contra a súa detención ou extradición, considerando especialmente preocupante a insistencia en perseguilo por destapar informacións e revelalas ao público, que é a esencia mesma do xornalismo. En 2011, cando Assange xa se enfrontaba a acusacións que lle impedían abandonar o Reino Unido, o Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol, foille concedido a Wikileaks precisamente polo seu traballo de revelación de segredos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta