Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2024 | Actualizada ás 14:34
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, eloxiou este martes o funcionamento do plan para reforzar a Atención Primaria durante o verán, ao que se adheriron, de media, o 80% do MIR de último ano, aínda que as áreas con máis aceptación son as de Pontevedra, Vigo e Santiago, que se aproximan ao 100%.
En resposta aos medios de comunicación tras un acto de firma en Santiago, o conselleiro de Sanidade explicou que aínda non hai datos sobre os médicos que se apuntarán nas listas para cubrir ocos neste nivel asistencial durante a época estival, dado que "se están empezando a abrir" coa idea de arrincar o 1 de xullo. A iniciativa, apuntou, só é nova nas áreas da Coruña, Lugo e Ferrol, dado que as do sur xa a utilizaron outros anos con "moi bos resultados".
No caso do MIR de último ano, lembrou que se trata de algo "voluntario", "incentivado" e "loxicamente, supervisado", algo que "está no seu programa de formación", polo que criticou a quen o tachou de "ocorrencia". "Deben de repasar o termo ocorrencia, porque ocorrencia é unha idea inesperada, unha idea enxeñosa, unha idea aguda. Moitos avances da humanidade producíronse a partir de ocorrencias", apostilou. Para Gómez Caamaño, facer este tipo de reclamacións é "un desprezo ao coñecemento e á experiencia do MIR en formación". "Son cousas absurdas", resolveu.
Finalmente, preguntado sobre o plan anunciado pola ministra de Sanidade, Mónica García, para reforzar a Atención Primaria e reter aos profesionais, o conselleiro dixo que o descoñece e defendeu que desde Galicia teñen visión propia sobre como reforzar este nivel asistencial. "Onde está o plan? Está presentado? Está publicado? Temos algo do plan? Dixo que vai facer un plan? Ben, que o faga. A ver se é verdade", finalizou
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.