Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2024 | Actualizada ás 14:48
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu que hai por parte da Administración galega "seguimento, control e sancións" sobre o cumprimento do transporte público dependente da Xunta e rexeitou as críticas a este respecto expostas polo grupo parlamentario socialista, para quen existe "falta de planificación".
Foi no pleno do Parlamento galego no que Calvo reivindicou "avances" co aumento de paradas e de frecuencias nos últimos anos, ao expor o deputado socialista Carlos López Font as queixas de usuarios ou incidencias.
"Haberá modificacións pero para mellorar", sentenciou o conselleiro, quen aludiu á Estratexia de Mobilidade aprobada pola Xunta en maio "con 99 medidas para desprazamentos seguros sustentables e adaptados".
Todo iso tras cualificar de "demagoxia" as manifestacións do parlamentario socialista quen apuntou a un informe do Consello de Contas "que reprocha que non se contestan ou se faga de forma tardía", dixo en alusión ás queixas de usuarios.
CONCESIÓNS E VIAXES
"O que di o informe é que Galicia ten un transporte público moderno e de calidade, cun incremento de usuarios", sinalou Calvo nunha comparecencia na que, entre outras cifras, citou os case 3,7 millóns de viaxes rexistradas o pasado mes de abril ou as distintas bonificacións implementadas.
Por outra banda, dixo que a Xunta actuou "en prazo" ao reclamar a débeda que "catro das 127 concesións" non ingresaron "en tempo" polo canon no seu momento. "Cobrouna e así o recolle o Consello de Contas", recalcou.
"O descontento público co transporte está na rúa, o informe do Consello de Contas di o que di, teñen que tomar decisións, que mellore o servizo dentro da legalidade", argumentou, pola súa banda, o socialista Carlos López Font.
Fíxoo ao denunciar "falta de planificación" e ao considerar que o Consello de Contas dá á Xunta "un tirón de orellas", algo que rexeitou o conselleiro, ao que os socialistas pediron medidas para abordar as queixas de usuarios.
O PARLAMENTO PIDE APERTURA DE CENTROS DEPORTIVOS PARA XENTE NOVA
O pleno da Cámara galega aprobou este mércores unha proposición non de lei do Grupo Popular, a través da que insta a que a Xunta, en colaboración cos concellos e deputacións, desenvolva o Plan de Pistas Abertas co obxectivo de pór a disposición das familias as instalacións deportivas escolares.
O obxectivo é contribuír a fomentar a práctica de exercicio físico, así como a un aproveitamento máis eficiente dos recursos e instalacións das administracións públicas.
Na defensa da iniciativa, que contou coa abstención dos grupos da oposición e da que informou o PP nun comunicado, o portavoz de Deportes do Grupo Popular, Pablo Prieto, sostivo que o PP "sempre tivo claro os beneficios que o deporte ten na sociedade e, por iso, sempre apostou desde a Xunta por favorecer a práctica deportiva desde as idades máis temperás ata as máis avanzadas".
Tras citar medidas postas en marcha pola Xunta, como o Bono Deporte, o Bono Actívache ou o Plan Xogade, o parlamentario popular sostivo que agora buscan "dar un paso máis creando as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa desde a infancia ata a vellez", á vez que se fai "un aproveitamento efectivo de todo ese gran potencial que representan as infraestruturas e instalacións deportivas" dos centros educativos.
Deste xeito, destacou que un dos compromisos do PPdeG asumidos nas pasadas eleccións autonómicas foi o Plan Pistas Abertas, co que se pretende pór a deposición de clubs e familias as instalacións deportivas escolares. "Para iso pedimos á Xunta que lidere este programa para o que é imprescindible a colaboración doutras administracións, concretamente os concellos", afirmou.
Por outra banda, o pleno do Parlamento aprobou este mércores unha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista para incrementar a presenza das competicións e o deporte feminino na programación e os informativos da CRTVG. A proposta, debatida na xornada do martes do mesmo xeito que a iniciativa anterior, foi aprobada por unanimidade da Cámara tras unha transacción entre os grupos parlamentarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.