A devastación da mina de Touro: en 60 anos os ríos pasaron de ser lugares de pesca a acumular metros de lodos marróns

O GC percorre os terreos colindantes coa mina coa Plataforma Mina de Touro-O Pino Non para coñecer de primeira man o impacto mediambiental que a súa explotación, agora mesmo só de áridos, esta tendo sobre o medio ambiente, despois de que a Xunta declarase a reapertura da mina como proxecto estratéxico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 02/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda se acordan algúns dos veciños do concello de Touro de cando eran novos e ían ao río Pucheiras ou ao Lañas pescar troitas coas súas propias mans e bañarse durante os calorosos veráns. Para volver a aqueles tempos nos que estes eran ríos que gozaban de boa saúde hai que remontarse ata os anos 60. Todo cambiaría coa chegada da empresa Río Tinto e o seu interese por explotar a antiga mina de cobre que tempo atrás fora aberta por un enxeñeiro chegado do Grove no pobo: Rafael Saens-Diez Garci. A actividade da mina retomouse no ano de 1974 e, dende esa, a contaminación medioambiental e o maltrato aos ríos que regan a comarca non cesou ata que no ano 1986 pechou a actividade. Moitos crían que a loita estaba gañada e que esa mina xa non volvería a reabrir despois de demostrarse o desastroso impacto para os ecosistemas que causou na vila e nas localidades próximas nas que desembocan os seus ríos.

Contaminación mineira no río Portapego ao seu paso por Touro
Contaminación mineira no río Portapego ao seu paso por Touro | Fonte: SALVEMOS CABANA - Arquivo

Sen embargo, debido ao incremento do prezo das materias primas e á necesidade do cobre para a fabricación dos omnipresentes 'microchips', o proxecto era moi suculento como para deixalo pechado, así que en 2017 presentouse un novo proxecto de explotación a ceo aberto por parte das empresas Cobre San Rafael e Atalaya Mining (implicada no escándalo dos 'Papeis de Panamá'). O proxecto, que implicaba a ampliación da actual superficie de explotación, recibiu no 2020 unha Declaración de Impacto Ambiental negativa e en 2021 foi denegado. Con todo, Cobre San Rafael xa anunciara a súa intención de volver presentar un proxecto de semellantes características. Ata o momento a antiga mina está sendo usada como escombreira de residuos sacados de depuradoras. Agora, só catro anos despois desa declaración ambiental negativa, o proxecto de Cobre San Rafael recibiu a declaración de proxecto estratéxico por parte da Xunta.

A día de hoxe, xa sen necesidade de que se poña en marcha a ampliación da zona de explotación, nos terreos da mina estase a traballar con áridos, o cal xa está supoñendo un auténtico quebradeiro de miolos (e de saúde) para os veciños desta poboación próxima a Santiago de Compostela que conta con algo menos de 4.000 habitantes. E non é para menos, como puidemos descubrir dende o Galicia Confidencial ao realizar unha visita á zona para poder ver de primeira man cal é situación actual dos ríos, acompañados pola Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino Non. O primeiro que chama a atención ao entrar na zona colindante cos terreos da mina é a proximidade dos núcleos poboacionais e das vivendas particulares á valla que os separa da propiedade de Cobre San Rafael. Na parroquia de Fonte Díaz hai casas que non están a máis de 10 metros do comezo da explotación.

DESPOIS DA LIMPEZA NO CURSO DO RÍO PORTAPEGO HAI COUSA DUN ANO, XA SE DEPOSITARON RESIDUOS QUE ACUMULAN MÁIS DE MEDIO METRO DE GROSOR

Entrar nesta poboación por primeira vez xa resulta impactante para o visitante polo cheiro nas inmediacións en días de moita calor (é o cheiro que desprenden os residuos da mina) e polas pintadas de 'Cheiros non' e os carteis de 'Non á mina' que se poden visualizar en calqueira recuncho do pobo. O rexeitamento da sociedade a esta iniciativa empresarial é máis que evidente. Chegamos ao aparcadoiro da sala de festas Dona Dana, pegada ao límite dos terreos da mina e pola que cada fin de semana pasan milleiros de persoas, e o primeiro que facemos é darnos unha volta pola zona do río Portapego que discorre pegado a un dos parques biosaudables que hai no concello, e que ten unhas vistas inmellorables (nótese a ironía). Vemos como o río chega dende a propiedade da mina que está valada ata esta zona, e chega non de calquera xeito, senón contaminada. Unha cor cobre recobre toda a conca do río e, aínda que semella que só é a parte superficial, ao coller un pau e profundar no terreo, obsérvase que eses depósitos de lodos teñen ata medio metro de fondura nalgunhas zonas.

Finalizan as obras de recuperación da rega de Portapego no marco do proxecto de restauración da mina de Touro
Finalizan as obras de recuperación da rega de Portapego no marco do proxecto de restauración da mina de Touro | Fonte: COBRE SAN RAFAEL - Arquivo

Ademais, nas marxes do río pódese observar ata onde pintaron os residuos cobrizos as pedras antes da limpeza de sedimentos realizada fai cousa dun ano. E é que, como nos contan dende a Plataforma, os propietarios da mina decidiron limpar a súa imaxe no 2023 procedendo a retirar os residuos que se depositaran nesa parte do río. Investiron 1,9 millóns co obxectivo de sanear as augas en contacto co complexo mineiro histórico e restituír o seu estado natural. Pero pouco durou a cousa, pois un ano foi suficiente para que eses lodos contaminantes chegasen a acadar medio metro. Ata cando será quen o río de seguir acumulando depósitos? Cando rebosará? Pois non haberá que esperar moito a este paso. De feito, os veciños aseguran que agora en época estival o río chega con menos caudal, pero que en época de choivas, cando os depósitos que ten a mina para almacenar a auga contaminada se enchen, Cobre San Rafael abre as comportas e verte ao río grandes cantidades de auga, sen miramentos, o que provoca que o cauce non poida conter toda a auga e desborde, chegando a inundar os baixos de vivendas próximas, da zona de Fonte Díaz. Precisamente onde está a Casa do Concello.

Coa cor cobriza do fondo do río mestúrase tamén unha especie de escuma branca acumulada nalgunhas pedras e marxes. Chama moito a atención pois que un río teña escuma sen ter forza de auga suficiente como para que se forme de xeito natural xa non fai presaxiar nada bo. E, efectivamente, non é nada bo: trátase de cal, que se usa tamén na mina durante os procesos de lavado dos materiais extraídos. O río Portapego percorre así uns 5 quilómetros, ata desembocar no río Lañas, afluente directo do río Ulla, que é o receptor último de todos eses residuos. O pobre xa non pode máis con tanta contaminación que lle chega de industrias próximas e non tan próximas.

VARIAS CASAS, UNHA RESIDENCIA, AS PISCINAS MUNICIPAIS, CANCHAS, UN PARQUE INFANTIL E ATA UNHA GARDERÍA, A ESCASOS METROS DA MINA

Continuamos a nosa visita da man da Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino Non polo polígono de Touro, con terreos de explotación público-privada, tamén en mans dos donos da mina, pero que poden ser empregados pola Xunta mediante concesión. Neles instálase unha única empresa na actualidade, GalChimia, de tradición familiar e adicada ao sector químico, na que traballan preto dun cento de veciños, supoñendo un importante activo para a economía local. Este polígono, no caso de que o proxecto presentado por Cobre San Rafael e declarado agora estratéxico pola Xunta sala adiante, terá que desfacerse, para poder proceder á ampliación da zona de explotación da mina.

Ademais, dende o alto do polígono podemos observar tamén na parte baixa colindante cos terreos da mina varias instalacións: unha residencia da terceira idade de titularidade privada, as piscinas municipais, canchas de fútbol e baloncesto tamén municipais, un parque infantil e ata unha gardaría. Por que semellante acumulación de instalacións públicas neste punto concreto, mesmo algo alonxado do núcleo do concello? Porque, segundo nos contan dende a Plataforma veciñal, os propietarios da mina cederon os terreos para que se construíran ahí. Estamos a falar de que anciáns e nenos están cada día rodeados da contaminación xerada pola mina, que explota os áridos na actualidade pouco máis arriba. Ademais, se o novo proxecto sae adiante, tamén terán que moverse do lugar, pero, como prevén os veciños, seguramente o problema quede en nada cando os propietarios da mina ofrezan ao Concello crear unhas instalacións mellores noutro lugar. Dende a Plataforma saben que así van as cousas, porque é o que levan vendo todos estes anos.

AS ESCORRENTÍAS DE AUGA QUE SAEN DO ANTIGO DEPÓSITO DE LODOS QUE FOI RECHEADO CON ESCOMBROS SON CONTINUAS

Baixando do polígono cara a estrada DP-6602 obsérvase unha estraña vertedura na estrada. De que se trata? Pois de escorrentías de auga que saen do antigo depósito de lodos da mina que foi recheado con escombros no seu momento, pero baixo o que se segue xerando auga con drenaxe áceda procedente dos terreos da mina. Como é posible? Porque esa escombreira, ese antigo depósito de lodos, non está ben selado, pois, de estalo, non daría lugar ás filtracións que son continuas na zona, como nos explican dende a Plataforma. Non hai día que non teña perdas, e, como advirten, calquera día vai rebentar. Xusto debaixo dese dique aparece a balsa de lodos actual, brillando de cor cobriza iluminada polos raios do sol. Dende logo non lle quedaría mal un sinal de perigo cunha caaveira, pois non semella ser para menos o estado da auga. O verdadeiro problema non está en que esa balsa estea nese estado, senón que, cando chove e non é quen de conter toda a auga, desborda estrada e río abaixo. E como en Galicia ten o mal costume de chover, isto é o pan de cada día dos veciños da zona.

O CAUCE NATURAL DOS RÍOS FOI ALTERADO POLA ACTIVIDADE DA PROPIETARIA DA MINA, QUE ABRE OU PECHA AS COMPORTAS SEGUNDO AS SÚAS NECESIDADES

Seguindo río arriba chegamos ata a área recreativa da Santaia, onde hai uns banquiños que invitan a desfrutar dunha tarde de 'relax' en plena natureza, e ata un muíño restaurado que marca o comezo da famosa ruta de sendeirismo dos Tres Ríos. Semella unha paisaxe idílica ata que un se fixa máis en detemento en que algo non cadra. A auga do río, escasa, ten unha cor grisácea e discorre sobre un fondo cobrizo. Dende a Plataforma veciñal aseguran que cada día que chegan é unha sorpresa ver de que cor está a auga, cada día dunha cor diferente e con máis ou menos intensidade. Lonxe quedan aqueles anos 60 nos que nese río había boas troitas, agora ningún animal está tan tolo como para achegarse nin a medio metro dun río que cheira a raios. Ademais, a zona é unha braña que cando chove se inunda, e inunda todo o campo próximo e, en consecuencia, a área recreativa, con auga contaminada. 

Pero como pode ser que un río que tiña caudal suficiente como para que os rapaces se bañaran nel hai uns 60 anos hoxe por hoxe non dea nin para meterse ata os xeonllos? Porque os sedimentos que se foron depositando foron reducíndoo e porque dende a mina cortan o paso da auga cando queren e volven reabrilo tamén cando queren. Collendo un pau e facendo o mesmo experimento de clavalo no curso por onde discorre o río, observamos que ata medio metro se pode clavar nesa substancia cobriza. E ollo non metas os pés demais no lugar, porque te soterras facilmente se dás un paso en falso. A vexetación que cobre as marxes do río axuda a disimular a perigosidade da zona.

OCULTAR AO EXTERIOR A ACTIVIDADE QUE SE ESTÁ DESENVOLVENDO DENTRO DA MINA É UNHA PRÁCTICA HABITUAL DOS PROPIETARIOS DA EXPLOTACIÓN

Do mesmo xeito acontece noutra braña próxima, na que non crece nada e, as árbores que habían antes da chegada destes residuos contaminantes, locen secas e murchas. Só os xuncos semellan resistir e malamente. Dende a Plataforma cóntannos que nin a herba quere medrar aquí, a pesares de que xa houbo quen a intentou plantar a base de sementes. Esa braña en cuestión foi no seu tempo un lago con auga clara que acumulaba a auga que baixaba do río antes de que esta continuase o seu curso. Como as árbores non medran en toda a extensión do que sería o antigo lago, poden observarse claramente as súas dimensións: varias ducias de metros cadrados. Agora desa imaxe só queda unha mancha marrón de case un metro de espesor nesta zona con varios puntos nos que se mestura a cor cobriza coa branca do cal.

É unha práctica habitual dos propietarios dos terreos ocultar ao exterior a actividade que se está desenvolvendo dentro da mina, como nos aseguran dente a Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non. Para iso, ademais de financiar accións medioambientais que corran un tupido velo sobre a continua contaminación, tamén rodean os terreos con plantacións e plantacións de eucaliptos que ocultan aos ollos dos veciños e curiosos o que acontece dentro da explotación. De feito, os veciños tamén nos aseguran que as verteduras aos ríos adoitan realizarse durante as noites ou as fins de semana, en períodos de baixa actividade humana nas zonas, para que non se escandalice a poboación. Sen caber no noso asombro, continuamos coa nosa visita, neste caso, e xa visto de primeira man o impacto medioambiental que supón a mina e as consecuencias que podería ter a súa ampliación, coa idea de coñecer cal sería o impacto para a economía das familias da zona, en especial, daquelas que se adican á agricultura e á gandaría. Contámoscho noutro capítulo!

Mina de Touro
Mina de Touro | Fonte: Ecoloxistas en Acción - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta