Rueda saúda o inicio da elaboración dos Orzamentos de 2025 "en tempo en forma", algo que "Galicia fai todos os anos"

Pide ao Goberno que teña "unha soa voz" tras as críticas de socios do PSOE polo pacto no CGPJ, que espera esténdase a outros órganos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2024 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a "benvida á normalidade" ao Goberno central co inicio da elaboración dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2025. Así, aproveitou para deslizar que é agora "a mellor ocasión" de que cumpra o "compromiso" de convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para falar do financiamento autonómico. Así se pronunciou o mandatario galego este xoves, nun acto en Santiago, despois de que a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, confirmase que remitirá ao Congreso dos Deputados o proxecto de contas para o próximo ano a principios de outubro.

"Xa era hora", dixo Rueda, quen deu ao Executivo estatal a "benvida" á "normalidade" e ao que Galicia "fai todos os anos", que é presentar uns orzamentos "en tempo e forma, e puntualmente". "Como agora no goberno central converteuse en todo un acontecemento cumprir a lei, que é elaborar os orzamentos cando a propia lei di, alégrome de que colla un pouco as formas que en Galicia temos normalmente", engadiu. Agora que empezan a deseñarse esas contas, o presidente da Xunta cre non hai "mellor ocasión" para falar de financiamento autonómico no CPFF e que nese proxecto de PGE estean recollidos os aspectos que se traten neste órgano.

Con todo, Alfonso Rueda mostrouse pesimista porque o que vai contemplar son "os compromisos cos territorios que lles interesan" e que "garanten a continuidade" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na Moncloa. Neste contexto, insistiu en que sería unha "magnífica mostra de normalidade institucional" e de "respecto á igualdade entre territorios" que se convocase o CPFF para que o Goberno fale coas comunidades autónomas ante unha eventual reforma do sistema de financiamento.

PIDE AO GOBERNO "UNHA SOA VOZ"

Tamén foi preguntado Rueda sobre as reaccións políticas ao acordo de PP e PSOE para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial, que levaba máis de cinco anos co mandato caducado, e por se estas puidesen afectar á negociación dos Orzamentos do Estado para 2025. Ante as críticas de Sumar, socio de coalición do Goberno central, e doutras formacións nacionalistas, o presidente da Xunta pediu a Sánchez que "poña orde" e que a súa Executiva teña "unha soa voz" para negociar coas comunidades autónomas. "É moi difícil falar con alguén que non se representa nin a si mesmo", criticou.

O titular do Goberno galego reiterou a súa "felicitación" ao líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, porque "el nunca se moveu" da postura de "despolitizar" o CGPJ. Por tanto, insistiu en pedir ao PSOE que ese acordo é "para cumprilo" de forma íntegra. Preguntado sobre se este pacto podería estenderse á renovación doutros órganos estatais, Rueda afirmou que a "man tendida" do PP quedou "demostrada". "Iso si, de acordo a uns principios e a unhas liñas vermellas que teñen que respectarse", matizou a continuación.

Por tanto, se o PSOE está de acordo, "probablemente" se poderían alcanzar máis pactos neste sentido, dixo Rueda, para lembrar que o PP é "o partido maioritario en España" e que "ten esa man tendida". "Se os outros queren chegar a acordos que sexa con vontade real e probablemente moito máis sinxelo", concluíu.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posteiror á reunión da Xunta
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posteiror á reunión da Xunta | Fonte: DAVID CABEZON

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta