O BNG acusa a Rueda de "renunciar" a exercer as competencias educativas e porse ao servizo Feijóo

A portavoz de Educación tacha de "vergoñosa e humillante" a posición da Xunta do PP coa selectividade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2024 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

O BNG acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "renunciar" a exercer as competencias en materia educativa para porse ao servizo de Xénova e do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios, a portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, quen tachou de "vergoñosa e humillante" a posición da Xunta do Partido Popular en relación coa selectividade.

A parlamentaria cualificou de "ataque sen precedentes contra o autogoberno galego" o acordo asinado este luns por gobernos do PP e Vox de 11 comunidades autónomas para unificar as probas de acceso á universidade. "Supón impor unha axenda partidista, centralista e uniformadora", sostivo.

Fernández Davila sostivo que Rueda renuncia a exercer o autogoberno, as competencias de Galicia en materia educativa para "porse a orde da estratexia partidista e centralizadora do PP de Xénova", constatando que, entre defender os intereses de Galicia ou os intereses partidistas do PP, Rueda opta por acatar sumisamente o que lle ordenan desde a sede de Xénova.

Neste sentido, a deputada considera que os Consellos da Xunta "son un paripé" porque as decisións se toman a 600 quilómetros na sede central do PP. Así, tachou de "indigno" que o PP de Xénova "impoña ao Goberno galego "unha decisión que supón unificar contidos e datas, sen ter en conta as características propias do territorio galego, así como o idioma.

"Desde o BNG seguiremos defendendo unha ampliación de competencias dirixidas a un maior autogoberno, e por iso aspiramos a desenvolver unha lei de educación propia que teña en conta a nosa singularidade, e os retos e necesidades da sociedade galega do século XXI", subliñou.

Cristina Fernández Davila
Cristina Fernández Davila | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta