Villares anuncia a convocatoria de axudas para restauración da biodiversidade mariña

Desde 2010 rexeneráronse máis de 10 millóns de metros cadrados e as entidades levan sementadas case 277 millóns de unidades de ameixa..

Por E.P. | Santiago de Compostela | 01/07/2024 | Actualizada ás 19:41

Comparte esta noticia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, informou este luns ás confrarías nunha reunión de traballo, que xa está en marcha a convocatoria de 1,75 millóns de euros de axudas para a restauración da biodiversidade e ecosistemas mariños mediante medidas de conservación, no marco de actividades marisqueiras sustentables.

Trátase de axudas financiadas pola UE e das que un millón de euros distribuiranse este ano 2024, mentres que o resto repartiranse en 2025. As subvencións están destinadas a fomentar a pesca sustentable e a recuperación dos recursos biolóxicos, mediante actividades de protección do medio mariño e de restauración de ecosistemas incluídos bancos naturais, zonas de cría e reprodución de especies.

O importe máximo subvencionable será de 75.000 euros e pode chegar a cubrir o 100 por 100 do investimento. Así, considéranse subvencionables actuacións como a redacción de proxectos técnicos, contratación de empresas, profesionais ou entidades prestadoras de servizos, para realizar accións como limpezas, eliminacións, dragados, achega ou traslado de áridos, control e eliminación de especies exóticas, adquisición de material ou semente, etc.

Unha das novidades da convocatoria é que se poden incluír traballos de restauración da biodiversidade realizados directamente polos mariscadores con permiso de explotación en vigor, sempre que non sexan labores propios da actividade marisqueira ordinaria e ata un límite máximo do 20 % do orzamento do proxecto.

Segundo informou a Consellería do Mar, na convocatoria de 2023 beneficiáronse 27 entidades e as actuacións estiveron centradas en hábitats costeiros de importancia para a reprodución de organismos mariños con dragos e achegue de áridos en máis de 138.000 metros cadrados; e repoboación de especies de bivalvos en case 222.000 metros cadrados e con casi 14 millóns de unidades de semente de ameixa babosa. Desde 2010 rexeneráronse máis de 10 millóns de metros cadrados e as entidades levan sementadas case 277 millóns de unidades de ameixa.

A degradación das algas é clave para conservar a biodiversidade das praias estuáricas galegas
A degradación das algas é clave para conservar a biodiversidade das praias estuáricas galegas | Fonte: DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta