O negocio dos pisos turísticos en Sanxenxo: ata 400 euros de diferenza por noite entre agosto e outubro

Buscando en Booking atopamos prezos totalmente desorbitados para pernoctar na vila pontevedresa durante o mes de agosto, que caen en picado a partires da segunda quincena de setembro.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 06/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Sanxenxo é a vila vacacional por excelencia de Galicia. Cada ano recibe a milleiros de visitantes, especialmente na época estival. No 2023 pernoctaron na vila 3,8 millóns de visitantes. Ao tratarse dun pobo de non máis de 18.000 habitantes, a demanda de aloxamento é moi elevada. E, aínda que conta con bastantes hoteis, os pisos turísticos foron xurdindo en masa ao longo dos últimos anos como unha forma de negocio para os propietarios de casas na zona. Así, mesmo hai persoas locais que durante o verán poñen en aluguer a súa vivenda pola alta rendibilidade que lle sacan, marchándose eles para outros lugares. Ademais, para moita xente o feito de mercar unha vivenda en Sanxenxo xa non é co obxectivo de tela como residencia vacacional, senón co de entrar a formar parte da oferta inmobiliaria da zona. Dende o Galicia Confidencial facemos un experimento: abrimos Booking e buscamos canto custan os pisos turísticos de Sanxenxo en agosto fronte ao que custan noutras épocas do ano.

Caixa de seguridade dun piso turístico, a 20 de maio de 2024, en Madrid
Caixa de seguridade dun piso turístico, a 20 de maio de 2024, en Madrid | Fonte: Ricardo Rubio - Arquivo

Así, atopamos un apartamento enteiro baixo o nome de L&C Codesal que se aluga durante o mes de agosto a un prezo de 493 euros a noite. Ten 90 metros cadrados e conta con dous dormitorios, unha sala de estar, unha cociña equipada, dous baños, parking privado gratuíto, wifi e patio comunitario. Está situado na Rúa de Vigo, é dicir, a 150 metros da praia de Silgar (2 minutos andando) e a 400 da praia de Baltar. No mes de xullo o seu prezo é de 411 euros, ao igual que na primeira quincena de setembro. Xa a partires da segunda quincena de setembro descende en picado ata os 107 euros ao noite.

Outro apartamento baixo o nome de Cesteiros alúgase en agosto a un prezo de 310 euros a noite. Ten 72 metros cadrados e está situado na Rúa do Progreso, a 4 minutos andando da praia de Silgar e a 18 (1.600 metros) da de Baltar, así como a 3 da praia da Panadeira. Conta con dous dormitorios, unha cociña totalmente equipada, dous baños e bañeira de hidromasaxe, así como balcón con vistas ao mar. Segundo indica nas especificacións, hai parking gratuíto dispoñible. Observando a evolución do seu prezo, en xullo estase alugando por 210 euros a noite, aínda que o 1 de agosto subiría a 410, así como o primeiro de setembro. O resto do mes de setembro baixaría ata os 190 euros a noite.

Outro exemplo é o apartamento que se aluga baixo o nome de Casa Artemia. En agosto a noite custa 362 euros. En concreto, atópase ubicada no lugar de Arra, lonxe do paseo de Silgar e a 10 minutos (700 metros) da praia de Montalvo e ofrece wifi gratis, zona de barbacoa comunitaria, xardín e parking privado gratuíto. Dispón de cociña equipada e baño. Tamén indican que a praia de Paxariñas está a 15 minutos a pé do aloxamento e a de Canelas a 1.800 metros. No mes de xullo custa 262 euros, baixando incluso nalgunhas noites a 252 e 234. E en setembro, durante a primeira quincena, alúgase a un prezo de 244 euros, mentres que a partires da segunda quincena está dispoñible por tan só 96 euros, ao igual que durante todo o mes de outubro.

Tamén podemos alugar o apartamento chamado H&V Codesal por un prezo de 511 euros a noite en agosto. Ten 110 metros cadrados e atópase na estrada de Circunvalación, é dicir, a 200 metros (4 minutos andando) da praia de Silgar e a 400 da de Baltar. Conta con dous dormitorios, unha sala de estar, cociña equipada e dous baños. Conta con vistas á cidade, wifi e parking privado gratuíto. Eses 511 euros a noite convírtense en 430 durante a primeira quincena de setembro e baixan ata só 107 euros durante a segunda quincena de setembro e tamén nos meses posteriores de outubro, novembro e decembro. 

Praia de Silgar, en Sanxenxo, 8 de outubro de 2023
Praia de Silgar, en Sanxenxo, 8 de outubro de 2023 | Fonte: ELENA FERNANDEZ - Arquivo

O FENÓMENO ESTÉNDESE TAMÉN A ZONAS COMO COMBARRO OU O GROVE

E aínda que Sanxenxo é o lugar onde se ve máis claramente esta disparatada diferenza de prezos, non é a única. Toda a zona das Rías Baixas experimenta este fenómeno na época estival. Se miramos a veciña vila de Combarro, no concello de Poio e tamén tremendamente turística, considerada un dos pobos máis fermosos de España; ou a illa da Toxa, no concello do Grove e, aínda que xa en decadencia, moi demandada, acontece o mesmo.

Así, mirando en Booking atopamos en Combarro un apartamento baixo o nome de Casa da Moura que podemos alugar en agosto por 248 euros a noite, ubicado en primeira liña de praia, na Avenida da Costa, a 600 metros (10 minutos andando) da praia de Padrón, a 1.100 metros da praia de Chancelas e a 1.800 metros da praia Ouriceira. Ten 40 metros cadrados e conta con dous dormitorios, dous baños, cociña equipada, terraza e un xardín. Oferta tamén parking privado gratuíto e wifi. En xullo estase alugando por 183 euros durante a primeira quincena e por 207 durante a segunda. Durante setembro o custe da noite baixará ata os 166 euros.

No caso do Grove, nas proximidades da Toxa atopamos en Booking un apartamento de 50 metros cadrados por 731 euros a noite en agosto. Ubicado a 500 metros da praia e con vista aos mar. A 6 minutos camiñando da praia de Rons e a 1,3 quilómetros da praia de Porto Meloxo. Ten un dormitorio, unha sala de estar e unha cociña totalmente equipada. Durante a primeira quincena do mes de xullo custa entre 321 e 341 euros. Xa durante a segunda quincena sube ata os 531 ou 781, ao igual que se mantén durante a primeira quincena de agosto, neses 781 euros a noite. Na segunda quincena de agosto é cando baixa a 731 e na primeira de setembro chega a rexistrar un custo de 946 euros a noite, caendo na segunda quincena a 381. Na primeira quincena de outubro mantense a un prezo de 381 euros a noite e durante a segunda quincena baixa xa aos 229, como se mantén en novembro e case todo decembro.

Praia de Silgar, en Sanxenxo, Pontevedra, a 30 de setembro de 2023
Praia de Silgar, en Sanxenxo, Pontevedra, a 30 de setembro de 2023 | Fonte: ELENA FERNANDEZ - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta