Temas: FRASEOLOXíA

“Deixar # Quedar cos fociños dunha cuarta”, equivalente ó castelán “dejar # quedar con un palmo de narices”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 07/07/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naqueles casos en que unha persoa deixa a outra nunha situación en que esta apañou quente ou en que levou un bo pau, chasco ou decepción, nomeadamente por acontecer algo que crebou os seus plans ou expectativas ou por quedar privada daquilo con que contaba ou que esperaba acadar, en castelán acostúmase empregar o fraseoloxismo dejarlo con un palmo de narices.

Nariz
Nariz | Fonte: arquivo

En galego dispomos, como mínimo, do fraseoloxismo deixalo cos fociños dunha cuarta para transmitir ese mesmo concepto ou significación:

Dejar # Quedar con un palmo de narices

Dejar # Quedar con dos # tres palmos de narices

{= Deixar # Quedar alguén nunha situación en que apañou quente ou en que levou un bo pau, chasco ou decepción, por acontecer algo que crebou os seus plans ou expectativas ou por quedar privado daquilo que esperaba acadar ou con que contaba.}

Deixar # Quedar cos fociños dunha cuarta

[E MAIS]:

Deixar # Quedar a abanear

Ex.: El presentador pensaba que lo tenía todo bajo control, pero la inesperada y violenta reacción de la invitada lo dejó con un palmo de narices.

O presentador pensaba que o tiña todo baixo control, pero a inesperada e violenta reacción da convidada deixouno cos fociños dunha cuarta deixouno a abanear.

● Tamén, en ámbitos de uso familiares e coloquiais, ou mesmo asociada a un nivel de lingua vulgar:

Deixar # Quedar a cagar

Ex.: O presentador pensaba que o tiña todo baixo control, pero a inesperada e violenta reacción da convidada deixouno a cagar.

NOTA:

As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta