A recadación tributaria galega baixa un 6 % en 2023, ata os 632 millóns

A Axencia Tributaria de Galicia detecta 90,5 millóns de débeda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2024 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A recadación tributaria xestionada pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) alcanzou o 2023 os 632 millóns de euros, un 6 % menos que o exercicio anterior e, en materia de loita contra a fraude, afloraron 90,5 millóns de euros de débeda non declarada. Así o trasladou a directora da Axencia, Sonia Lafont, na súa comparecencia ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, na que presentou o balance de actividade deste organismo do ano 2023.

Segundo explicou Lafont, a recadación líquida total foi de 632,3 millóns de euros, máis da metade polo imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, seguido polo recadado co imposto de sucesións e doazóns e co imposto de patrimonio. Durante o pasado ano, afloráronse 90,5 millóns de euros de débeda, aínda que o 95 % dos galegos cumpren de forma voluntaria coas súas obrigacións tributarias.

Ademais, nese período, a Atriga realizou 1,7 millóns de asistencias, un 7 % máis que o exercicio anterior, incluíndo as asistencias presenciais e telefónicas (unhas 290.000) e as atencións na Oficina Virtual Tributaria. Con respecto aos controis, sinalou a directora da Axencia, o 94 % das comprobacións de liquidacións foron conformes, aínda que se abriron 2.747 procedementos sancionadores e detectáronse 60,9 millóns de euros impagados; nos controis intensivos, realizáronse 457 investigacións e impuxéronse sancións por 7 millóns.

Finalmente, relatou que a Atriga realizou en 2023 un total de 2.194 valoracións de empresas, que implicaron un incremento no seu valor de 1,4 millóns de euros; e case 136.000 valoracións de bens inmobles, cun incremento do valor de algo máis dun millón de euros.

CRÍTICAS DE BNG E PSOE

Tras a comparecencia da directora da Atriga, os representantes dos grupos nacionalista e socialista censuraron a política fiscal e tributaria da Xunta, e afearon ao goberno autonómico do PP as súas medidas para beneficiar "aos que máis teñen".

Así, a deputada do PSdeG, Patricia Igrexas, acusou a Rueda de "emular cada vez máis" a política fiscal de Díaz Ayuso en Madrid, baixando os impostos ás rendas máis altas, "á conta da calidade dos servizos públicos". Respecto diso, remarcou que, con esas rebaixas, deixáronse de ingresar 257 millóns de euros, e subliñou que as baixadas de impostos non cumpriron a súa pretendida finalidade.

Pola súa banda, a deputada Noa Presas (BNG) constatou que "Galicia perde" coa política fiscal da Xunta, e sobre todo "as clases populares", e advertiu de que a posición do goberno galego enmárcase nunha tendencia de "agudización das políticas neoliberais".

A directora de Atriga no Parlamento
A directora de Atriga no Parlamento

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta