Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 06/07/2024 | Actualizada ás 20:09
A parroquia estradense de Sabucedo deu este sábado o pistoletazo de saída a unha multitudinaria 'Rapa das Bestas', Festa de Interese Turístico Internacional. Esta celebración é unha tradición de séculos pasados que actualmente conxuga o seu espírito e valores orixinais coa evolución en canto ao coidado dos animais e do medio ambiente.
Así, é un grande atractivo turístico internacional pola súa singularidade, sendo a parte do curro, onde confrontan técnica e forza os loitadores e os cabalos, a que esperta un maior interese. Nesta primeira xornada de celebración, que inicia os seus festexos dous días despois de que o Diario Oficial de Galicia publicase a incoación para declarala Ben de Interese Cultural, participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Alí, explicou que o trámite iniciado ao redor desta festa supón "salvagardar" unha manifestación cultura que conta cun "valor singular e cuxos valores son transmitidos de xeración en xeración". A Sabucedo tamén acudiu a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que cualificou de "insuficiente" a proposta inicial da Consellería "é de pouca contundencia" e mostra un "interese lixeiro" por conservar e protexer os lugares onde teñen o seu hábitat os cabalos de monte.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.