Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2024 | Actualizada ás 11:43
Os retos da Consellería de Sanidade en pleno verán, a situación da vivenda, a relación das Xunta cos concellos e o traspaso da AP-9 serán algúns dos temas que centrarán o último pleno da Cámara galega neste período de sesións. Así, a cita que se celebra este martes e mércores, días 9 e 10 de xullo, incluirá as comparecencias dos conselleiros de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que debullará as liñas mestras do seu departamento nun contexto de debate polo posible peche de centros durante o verán. Ademais, a sesión tamén incluirá a comparecencia do titular de Facenda, Miguel Corgos.
O último pleno antes do parón estival arrincará coa elección dun membro do Consello Social da Universidade de Santiago, tras a que se levará a cabo o debate da petición do BNG para crear unha comisión de investigación que analice a prórroga da concesión da AP-9 polo goberno do popular José María Aznar ata 2048. Ademais, na sesión de control, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deberá responder as preguntas dos líderes do BNG, Ana Pontón, e do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sobre as políticas de vivenda e as relacións cos concellos, respectivamente. En materia de vivenda, os nacionalistas galegos tamén introducirán unha interpelación ao Goberno galego para abordar os problemas derivados da proliferación de vivendas turísticas. Outras iniciativas do BNG abordarán asuntos como o transporte, a situación do sector lácteo e a industira.
INICIATIVAS DO PSDEG
Pola súa banda, ademais de interpelar a Rueda sobre a "sobrecarga" de competencias que sofren os concellos, o PSdeG presentará unha pregunta oral sobre a situación da asistencia pediátrica no Barco de Valdeorras a modo de exemplo do que sucede en toda Galicia. Os socialistas interpelarán ao Goberno galego sobre o modelo de apoio aos gastos escolares e defenderán unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que poña en marcha medidas para axilizar o sistema de valoración de dependencia.
Ademais, levarán outra proposición non de lei para pedir á Xunta que free a nova subida do canon de Sogama coa que, segundo denunciou Méndez, "pretenden cargarlle aos concellos e aos veciños un incremento que deriva da súa mala xestión dos residuos urbanos". Por último, presentarán unha pregunta oral para pedirlle axuda ao Executivo autonómico para garantir a prestación dos servizos de vixilancia e rescate nos espazos acuáticos; así como unha moción sobre a xestión do transporte público por estradas.
FONDOS EUROPEOS, INFRAESTRUTURAS
Pola súa banda, o PPdeG aproveitará a sesión para reclamar, a través dunha proposición non de lei, un compromiso real e efectivo do Goberno central para a realización de infraestruturas vitais para Galicia, ante a falta de avances en actuacións comprometidas e o agravio comparativo respecto doutras comunidades. Ademais, solicitará que o Goberno do Estado complete a dotación de 15 millóns de euros solicitada por Galicia, no marco de Perte Nova Economía da Lingua, para a execución do Proxecto Nos de impulso do galego nos ámbitos tecnolóxicos.
No apartado de preguntas á Xunta, os populares pedirán unha valoración da reunión celebrada a semana pasada co secretario de Estados de Transportes e co comisionado para o Corredor Atlántico. Ademais, preguntarán pola repercusión do programa Ebici, posto en marcha pola Xunta para favorecer modos de transporte máis sustentables. Por último, o PPdeG cuestionará ao Goberno galego sobre a situación das negociacións sobre as probas de acceso á universidade. Neste sentido, Prado asegurou "non entender" como o Executivo estatal "deixa liberdade a cada comunidade para elaborar os seus exames de ABAU, con estándares metodolóxicos, de esixencia e de avaliación diferentes en cada autonomía". "Deriva en 17 portas de acceso diferentes á a universidade para unha mesma praza", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.