Carlos Cuenca, o adestrador ourensán que levará á Selección Española Feminina de Hockey á vitoria nos Xogos de París

O Galicia Confidencial tivo a oportunidade de entrevistar a este adestrador antes da viaxe aos Xogos Olímpicos para comentar con el sensacións e repasar a súa traxectoria. Isto foi o que nos contou!

Por Ángela Precedo | OURENSE | 16/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Carlos Cuenca foi nomeado este mesmo ano adestrador da Selección Española Feminina de Hockey e, agora, tras ser renovado como seleccionador ata o vindeiro 2028, o seu próximo reto está nos Xogos Olímpicos de París, a piques de comezar. O Galicia Confidencial ten a oportunidade de entrevistar a este adestrador ourensán que nos conta o comezo da súa carreira como xogador e a súa chegada ao mundo do adestramento. Tamén confesa como ve agora mesmo o mundo do hockey e se o deporte está crecendo con respecto ao que foron os seus primeiros anos. Finalmente, explícanos cales son os seguintes pasos que dará a Selección Española feminina antes de comezar a competir o próximo 28 de xullo.

Carlos Cuenca, o adestrador ourensán da Selección Española Feminina de Hockey
Carlos Cuenca, o adestrador ourensán da Selección Española Feminina de Hockey | Fonte: Real Federación Española de Hockey

O ourensán recorda co Galicia Confidencial como comezou todo. Cando era pequeno "ía ao colexio aos maristas de Ourense e, cando me cambiaron de colexio, no novo todos os nenos xogaban a hockey", conta. Para el iso era algo totalmente novo, pois "non coñecía ese deporte". "Sempre fun moi deportista, pero de deportes máis tradicionais, como o fútbol, o baloncesto, o tenis, a natación... pero non coñecía o hockey", explica. Así, "cheguei alí o primeiro día e vin que todos os nenos levaban os seus 'sticks' a clase porque despois do colexio ían entrenar", lembra, asegurando que iso facía que "eu quedase algo solo e descolgado". Foi así como non lle quedou outro remedio que pedirlles que lle levasen con eles para probar o que era o hockey. E menos mal, porque Carlos asegura que "foi amor a primeira vista, cousas que pasan, foi coller o 'stick', dárlle á primeira bóla e dicir 'isto encántame', unha sensación que non vou esquecer xamais", lembra con nostalxia. Dende esa ata agora nunca deixou de xogar.

Ata os 18/19 anos estivo vivindo en Ourense e entrou a xogar nas filas do Club Hockey Pabellón Ourense, onde "aínda conservo moitos amigos e excompañeiros de equipo". Foi despois cando "me tiven que marchar a Canarias e aí si que comecei a xogar máis a nivel profesional, durante catro anos". Despois tivo que volver a Galicia. Afirma que eses anos "foi todo moi raro, con moitas idas e vidas porque estaba combinando á vez que xogaba os estudos de Educación Física tanto na Universidade de Las Palmas como na Universidade da Coruña". Foi precisamente na cidade da Coruña onde rematou xogando máis tempo, ata a súa retirada aos 30 anos. Tras retirarse déronlle a oportunidade en Canarias de adicarse profesionalmente a ser adestrador e o primeiro equipo profesional que adestrou foi La Unión Deportiva Taburiente na división de honra feminina. Alí pasou catro anos.

De aí deu o salto ao Real Club de Polo de Barcelona, onde estivo practicamente toda a súa carreira como adestrador, "case 12 ou 13 anos nos que estiven combinando o ser adestrador do segundo equipo, con ser segundo adestrador do primeiro equipo, adestrador de canteira...", ata que no 2012 lle deron a oportunidade de ser o primeiro adestrador da división de honra masculina. "Foi unha etapa moi bonita, de 7 anos, e na que conseguimos practicamente todos os logros que se poden conseguir a nivel nacional, dominando o hockey nacional durante toda esta etapa", conta Carlos. Despois de tantos anos de adestrador tocou un pequeno descansiño dun ano e logo tumbo ao Club Deportivo Tarrasa, onde pasou dous anos. Con todo, este último ano volveu ao Real Club de Polo de Barcelona, a que xa é a súa casa, "e tamén nos foi moi ben", confesa. 

A nivel de adestrador de selección, Carlos foi combinando todas esas etapas como adestrador de clubes con adestrador de selección en categorías inferiores, na sub 18 e na sub 21, en diferentes roles. Recentemente foi o segundo entrenador da selección absoluta ata que "me chegou a oportunidade de ser o primeiro adestrador da absoluta esta tempada e aceptei o posto combinando con seguir como adestrador do Real Club de Polo de Barcelona". Agora que o ratificaron fai nadiña como seleccionador para os vindeiros catro anos asegura que "voume adicar ao 100 % á selección". "Case toda a miña carreira adestrando clubes avanzou na liña masculina, pero coa selección sempre foi na liña feminina", chancea.

Ao preguntarlle como ve actualmente o deporte do hockey con respecto aos seus comezos nel, Carlos cre que foi evolucionando moitísimo. "Sempre foi un deporte minoritario e aínda estamos en proceso de cambio, de semiprofesionalización só nalgúns sectores, porque é verdade que noutros segue a ser un deporte moi 'amateur'", apunta. Con todo, cre que "a Real Federación deu un cambio moi importante de cara a esa modernización en todas as áreas, non só na deportiva, senón en todas as que a competen, que son moitas". En resumo, para el "o hockey está nun dos seus mellores momentos". Pero confesa que, "dende o meu punto de vista, na área deportiva falta dar o salta cara a case profesionalización, aínda que creo que iso vai ser moi complicado polo que conleva, polo que alo menos creo que debe avanzar cara unha semiprofesionalización que axude aos e ás deportistas a combinar as súas carreiras tanto académicas como profesionais coas deportivas". "No momento en que iso sexa factible e sexa algo común, teremos dado o paso definitivo cara a normalización e teremos levado o deporte a outro nivel, así que nese proceso estamos", avanza.

Con tantos anos como adestrador ás súas costas, cruzouse con talentos de moito valor no deporte do hockey. "Tiven a sorte de poder adestrar, convivir e desenvolver a miña carreira e a miña persoa con xogadores que para min foron, e así os considerei, algúns dos mellores do mundo neste deporte, así que imaxina o que iso te pode facer crecer como adestrador e como persoa", conta Carlos, que tamén asegura que "tiven moitísimas grandes experiencias con xogadores de gran valía e agora mesmo con xogadoras tamén, o que para min resultou superenriquecedor, pero tamén unha responsabilidade moi grande o ter que adestrar a persoas tan especiais, porque tamén hai que saber xestionalas, tanto coas súas cousas positivas como coas non tan positivas".

Despois de darse a coñecer fai cousa de dez días o listado de 16 xogadoras máis 3 reservas que está convocada para os Xogos Olímpicos de París, Carlos asegura que xa non hai tantos nervios, porque "esa lista era o que tiña máis nervioso ao plantel, todas querían saber se estarían incluídas ou non". Así, asegura que "estas últimas concentracións antes dos Xogos están sendo máis sinxelas en canto á parte emocional, aínda que estamos traballando un montón". O adestrador ourensán ve ás xogadoras "moi ben, moi equilibradas e conscientes de que temos unha oportunidade importante, pero que aínda nos queda moito traballo por diante, convencidas de que podemos facer cousas grandes, pero sen desviar tampouco o foco dos obxectivos que nos propuxemos". Por iso, el tamén confesa que se atopa "moi satisfeito e ilusionado", á vez que "equilibrado", predicando co exemplo.

Entre as concentracións previas á súa chegada a París tiveron unha na cidade de Ourense, o que para Carlos supuxo volver á casa. "Estivemos en Ourense fai unhas semanas e foi unha experiencia moi positiva e emocionante, atopeime con antigos amigos e compañeiros e a xente acolleume de marabilla, sentinme moi querido e xa estou desexando volver alí coa selección, porque asegúroche que foi unha experiencia que non vou esquecer", conta ao GC o adestrador nacional, que tamén afirma que ese bo trato tamén foi dado non só a el como ourensán, senón ás propias xogadoras: "Déronnos moito cariño".

Agora mesmo o 'planning' é o seguinte: o luns pola tarde terán a última concentración do equipo en Valencia, onde xogarán dous partidos amistosos contra "unha das potenciais mundiais agora mesmo do hockey" como é Arxentina. O sábado rematarán esa concentración e, tras un par de días libres, o 23 asistirán a unha serie de actos protocolarios e, xa pola tarde, voarán a París. Na capital francesa gozarán duns catro ou cinco días de adaptación e, xa o día 28 de xullo, comeza a competición. Dende o GC estamos convencidos de que tanto Carlos Cuenca como o marabilloso equipo de hockey feminino lograrán a vitoria nestes Xogos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta