Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2024 | Actualizada ás 14:45
O PP galego levará ao Parlamento autonómico unha iniciativa para demandar ao Goberno central que recoñeza a Edmundo González como o "presidente lexítimo" de Venezuela e defenda ante a Unión Europea "o mantemento das sancións ao réxime de Nicolás Maduro".
Avanzouno a viceportavoz parlamentaria e secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, durante unha rolda de prensa celebrada este luns na Cámara galega, onde expresou que espera que os grupos apoien a iniciativa que os populares queren levar ao primeiro pleno do curso político.
Con todo, Prado cargou contra o Bloque pola súa "plena confianza" no sistema electoral venezolano e felicitar " ao ditador", como se referiu a Nicolás Maduro. "No seu estilo de blanquer o comunismo e o terrorismo, agora úneselle a defensa do autoritarismo e a ditadura", espetou Prado en alusión ao BNG.
Neste sentido, defendeu que o PP "tomou a iniciativa política desde o minuto un" para "defender a liberdade e a democracia" no país latino; e que nesa liña vai a proposición non de lei que sacarán adiante grazas á súa maioría absoluta, coa que pretenden reclamar ao Goberno central que se sitúe a favor dos opositores venezolanos.
En concreto, o texto que os populares levarán a debate na Cámara galega propón que España "lidere" o recoñecemento de Edmundo González como "presidente electo lexítimo" de Venezuela e que leve a cabo "unha transición pacífica do país cara a unha democracia plena".
Ademais, tamén reclama a condena da "política de criminalización" do "réxime" de Maduro cara aos opositores, que as administracións públicas faciliten a tramitación de solicitudes de protección internacional presentadas por cidadáns venezolanos "que foxen da opresión política e da exclusión económica e social", así como que se manteñan as "sancións" desde a UE a Venezuela.
Por último, expón que España recoñeza a situación de "emerxencia humanitaria" no país latinoamericano e a condición de "vítimas de persecución política dos exiliados venezolanos" que se atopan actualmente no país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.