Así son os espantallos para evitar capturas de aves nos buques do arrastre

SEO/BirdLife presentou os resultados deste proxecto innovador de probas de medidas de mitigación en colaboración co sector pesqueiro.

Por Galicia Confidencial | Burela | 12/07/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Espantallos para espantar as aves en pleno mar. É a proposta que SEO/BirdLife fixo na xornada “Innovación e tecnoloxía na pesca” organizada pola Organización de Produtores Pesqueiros OPP-7 de Burela. Alí presentou un proxecto levado a cabo en 2023 para reducir as capturas accidentais de aves mariñas na frota de palangre de superficie.

Espantallos deseñados por SEO/BirdLife para evitar as capturas de aves nos palangreiros e buques do arrastre / remitida
Espantallos deseñados por SEO/BirdLife para evitar as capturas de aves nos palangreiros e buques do arrastre / remitida

No evento realizáronse outras presentacións sobre a observación electrónica, a innovación e modernización do sector pesqueiro, e comunicación vía satélite e intelixencia artificial, e contou con la presenza do conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, e o director xeral de Pesca e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta. 

SEO/BirdLife ven de colaborar nos últimos anos con diversas asociacións pesqueiras de Galicia para coñecer, concienciar e reducir ditas capturas nas frotas de arrastre, palangre de fondo e de superficie. No último proxecto realizáronse probas de liñas espantallos, unha das medidas de mitigación recomendadas, mediante un proceso participativo cos armadores e patróns de embarcacións de palangre de superficie socias da OPP-7 Burela que pescan no Atlántico, principalmente, peixe espada e caella. "Polas características do arte empregado e a súa operatividade non é unha das frotas con maior risco de captura de aves, pero é importante coñecer ben a frota e a súa interacción con aves para valorar se é preciso aplicar medidas de mitigación en certas zonas e épocas onde hai maior presenza de aves", indican desde SEO/BirdLife.

As liñas espantallos ou “paxareiras” son uns sinxelos dispositivos que constan dunha liña de entre 70 e 100m cunha boia ao final e con cintas de cores colgadas que se coloca na popa dos barcos durante a largada ou extensión do palangre. As cintas espantan ás aves, apartándoas dos anzois iscados e evitando que poidan quedar enganchadas e morrer afogadas. Estas liñas poden construírse cos materiais dispoñibles nos barcos e o seu deseño debe adaptarse a cada embarcación e a súa maneira de operar. Nesta iniciativa as probas as realizaron as propias tripulacións dos barcos en condicións reais de traballo co seguimento en remoto por parte de SEO/BirdLife para ir adaptando o deseño ata conseguir un efectivo e sinxelo de operar. 

EVITAR CAPTURA DE AVES

Paulo Lago, técnico do Programa Mariño de SEO/BirdLife, explica que “a colaboración entre entidades do sector pesqueiro como a OPP-7 Burela e as ONG é fundamental para que en frotas como a de palangre de superficie adopten, cando sexa preciso, o uso de medidas de mitigación de capturas accidentais de aves de acordo co sector, aceptadas polas tripulacións e efectivas”. 

Como parte da iniciativa, deseñouse unha guía e un póster para as tripulacións dos barcos de palangre de superficie na que se poden coñecer as aves mariñas, as súas ameazas e as medidas de mitigación recomendadas para evitar capturalas. Estas son a combinación das mencionadas liñas espantapáxaros, coa largada nocturna con mínima iluminación e engadir pequenos pesos nas brazoladas do palangre. Dito material súmase aos que xa fixo SEO/BirdLife para o palangre de fondo do Atlántico Noroeste previamente.

As capturas accidentais de aves mariñas en artes de pesca, tamén coñecidas como bycatch, son unha das ameazas máis importantes que sofren estas aves. Ao tratarse de especies que de forma natural viven moitos anos, as súas poboacións poden verse seriamente afectadas pola mortalidade engadida que supoñen estas capturas. SEO/BirdLife, traballa dende fai anos en coñecer e mitigar as capturas accidentais de aves mariñas na frota española, tanto do caladoiro nacional como a que pesca en augas comunitarias e internacionais, para contribuír a mellorar a súa sostibilidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta