Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/07/2024 | Actualizada ás 12:35
Para darmos a entender que alguén, tanto que queira coma que non queira, ha de acabar facendo aquilo de que se está a falar, ou mesmo tamén que algo vai acontecer si ou si (en definitiva, para denotar que de nada vale resistirse cando hai unha forza maior que obriga), en castelán pódese botar man da paremia Quiera que no queira, el asno ha de ir a la feria.
En galego contamos tamén con paremias moi semellantes para darmos conta dese mesmo sentido, como deseguido imos ver.
(Que) Quiera que no quiera, el asno ha de ir a la feria
{= Paremia con que se dá a entender que alguén, tanto que queira coma que non queira, ha de acabar facendo aquilo de que se está a falar, ou mesmo que algo vai acontecer ou pasar si ou si. }
Queira, non queira, a galiña ha (de) ir á feira
Queira, non queira, o meu burriño ha (de) ir á feira
Queira que non queira, o burro ha (de) ir á feira
Ex.: —Pues Alicia dijo que no pensaba organizar la comida de la peña. —¡Que se cree ella eso! El año pasado ya lo organicé yo y ahora le toca a ella, así que quiera que no quiera, el asno ha de ir a la feria.
—Pois Alicia dixo que non pensaba organizar o xantar da peña. —¡Érache boa, ho, que o ano pasado xa o organicei eu e agora tócalle a ela, así que queira, non queira, a galiña ha de ir á feira ‡ así que queira, non queira, o meu burriño ha (de) ir á feira ‡ así que queira que non queira, o burro ha (de) ir á feira!
NOTAS:
1. Resulta obvio que todas as persoas que lean o exemplo e estean un pouco ó tanto da actual normativa se decatarán do emprego en galego do castelanismo peña (posiblemente moitas delas non estarán de acordo e o criticarán) co significado de “serie de persoas, nomeadamente amigos ou camaradas ou con algún tipo de vínculo común, que se agrupan, dun xeito máis ou menos formal e con certa permanencia no tempo, para realizar algún tipo de actividade conxunta relacionada co eido do lecer”.
Como a explicación do porqué do seu emprego presentaría moitísimas arestas e espiñas e suporía meterse nun terreo lamaguento no cal cadaquén tería o seu propio criterio e opinión, e non teño ganas nin ansias de abrir ese melón, simplemente –e, como estou dando a entender, sen o máis mínimo ánimo de abrir ningún tipo de polémica nin nada polo estilo– quero deixar claro que se trata dunha utilización totalmente consciente.
Non obstante, como lingüista que escribe en galego normativo considero que teño o deber de avisar naqueles casos en que integro no meu idiolecto unha voz que desde un enfoque de ortodoxia e enxebreza lingüísticas resulta espuria na nosa lingua.
Feita esta apreciación, e a fin de fornecer unha solución adaptada á actual norma léxica, todas aquelas persoas que refuguen este uso simplemente terían que mudar no exemplo a dita voz por algunha outra que consideren máis ou menos axeitadas para o contexto (asociación –posiblemente a que máis se achegaría ou axeitaría á orixinal castelá con esta acepción–, círculo, club...).
2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.