Por Galicia Confidencial | Verín | 19/07/2024 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Verín presentou días atrás a feira de produtos naturais ecolóxicos e de proximidade "O Mellor da Terra", un evento que terá lugar os días 19, 20 e 21 de xullo en Verín. Segundo explicou o concelleiro responsable da área de Feiras, Manuel Lorenzo, "este evento é unha excelente oportunidade para que todos aqueles pequenos produtores que non teñen a capacidade de chegar a grandes superficies, pero que son fundamentais para o tecido económico da nosa rexión, cheguen de maneira efectiva e directa ao consumidor final".
A feira contará con, aproximadamente, 35 expositores dentro dunha carpa de 50 metros cadrados; e dous expositores adicionais no exterior, incluíndo a popular churraría Galiano e un posto de crepes. Os asistentes poderán saborear unha ampla variedade de produtos de máxima calidade, non procesados, e que son vitais e insubstituíbles polo seu papel na saúde e no benestar do consumidor; así como no desenvolvemento das diferentes economías locais. O horario da mesma será: venres, de 17:00 a 21:00 horas; e sábado e domingo, de 11:00 a 21:00 horas.
Entre os produtos que se poderán degustar, destacan sete variedades de queixos (como queixo de cabra, de ovella, requeixo, tetilla, e ata un queixo italiano e francés). Estarán presentes recoñecidos produtores galegos como: Pepa Loba, co seu paté de centola, ostras O Avó Lelo de O Percebeiro, repostaría Alicia's Cake, aceites Embruxo, cervexas Meiga e de Mirabeles, marmeladas Nela, galletas Burriana e Xacobleas, licores Barbudos crema de cacahuete Vainatti, mel Valdebella, bica de castañas Amarante, cafés Aruba, croquetas D, Mareterra ou Antonio e Brais cos seus preñados de choripán, entre outros produtos de primeira calidade.
De fóra de Galicia, os asistentes poderán probar a mellor cecina de León, un dos mellores pementóns do estado, a mellor morcilla de Burgos e as exquisitas anchoas de Santoña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.