Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2024 | Actualizada ás 13:42
O actor Luís Tosar, a produtora Zaza Ceballos e a Academia Galega do Audiovisual son os premiados coas Medallas de Galicia 2024. Así o anunciou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á celebración do Consello da Xunta. As Medallas de Ouro de Galicia constitúen a máxima distinción de honra outorgada pola Xunta a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galicia en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica.
Segundo apuntou Rueda, tal e como veñen facendo desde 2021, cada ano selecciónase aos premiados ao redor dun eixo común. Fai tres anos o Goberno galego decantouse por aqueles sectores que fixeran fronte á Covid-19; en 2022, coincidindo co dobre Ano Santo, homenaxeouse a "aqueles que traballan pola difusión do Camiño de Santiago"; e en 2023, ao patrimonio musical galego. Así, este ano búscase recoñecer a traxectoria do audiovisual galego, un "puntal" non só artístico, senón tamén "económico e cada vez máis estratéxico e vital para a difusión de Galicia e a súa cultura en todo o mundo".
Así, os premiados nesta ocasión son o actor natural de Cospeito, Luís Tosar, "que chegou todo o máis alto a nivel nacional e internacional, un dos artistas galegos máis recoñecidos a nivel internacional" e que conta no seu haber con tres premios Goya, dous premios José María Forqué e cinco Mestre Mateo. "Méritos sobradamente coñecidos e recoñecidos", destacou Rueda. Tosar fíxose coñecido para o gran público tras protagonizar unha das series máis aclamadas de Televisión de Galicia, 'Mareas Vivas'. Algunhas das súas películas máis celebradas -- de entre os máis de 60 títulos que ten ás súas costas -- son 'Os luns ao sol', 'Douche os meus ollos' e 'Cela 211'.
A produtora Zaza Ceballos é "outro dos grandes nomes do audiovisual galego". Produtora, escritora e directora e "pioneira", empezou a traballar na TVG para fundar despois, en 1998, a súa produtora Zenit Televisión. A través da súa compañía, destacou o presidente do Goberno galego, "sempre promoveu a igualdade entre homes e mulleres e a difusión da cultura galega". Destaca a realización de proxectos como as películas biográficas de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro.
Por último, prémiase tamén á Academia Galega do Audiovisual, que arrincou a súa andaina en 2002 e que aglutina a ao redor de 500 asociados entre guionistas, intérpretes, directores e realizadores. Alfonso Rueda encomiou o labor de "divulgación, defensa e visibilización de todo o que ten que ver co audiovisual galego" que leva a cabo a academia.
A súa iniciativa de maior repercusión é a celebración dos Premios Mestre Mateo, instituidos en 2003, aínda que tamén destacan outras como os Premios María Luz Morais ou o Premio José Sellier, ademais do Premio de Honra Fernando Rei.
APOIO A ESCENA GALEGA PARA IMPULSAR AO SECTOR
Por outra banda, o Consello da Xunta tamén aprobou a renovación dun convenio de colaboración coa asociación Escena Galega por valor de 28.000 euros, o que supón un incremento do 12% respecto da contía consignada en 2023. A finalidade, indican nun comunicado, é contribuír ao impulso das empreas do sector a través da organización de distintas actvidades de formación, consultoría e capacitación profesional.
O convenio, enmarcado na liña de dinamización cultural de asociacións, federacións e colectivos do ámbito escénico, musical e audiovisual da planificación estratéxica da Axencia Galega dás Industrias Culturais, prevé a continuidade de Acompaña, un proxecto de consultoría nas áreas de xestión económica e empresarial, de comunicación, de distribución e de asesoramento lingüístico.
Tamén inclúe labores de asesoramento legal especializado, así como de asistencia a feiras, foros e mercados de interese, ademais dunha nova estratexia da asociación, centrada na análise do funcionamento das redes de contratación escénica de Galicia.
Outras dúas iniciativas propostas que serán apoiadas mediante este acordo son a realización dunha cuarta edición da xornada de venda e promoción escéncia, dirixida aos profesionais de Galicia e Portugal, así como a entrega dos recoñecementos Escena Galega, cos que se premia a actividade de persoas ou entidades especialmente implicadas co desenvolvemento e a visibilidade do sector.
Respecto ao réxime do convenio, o Consello autorizou a realización de pagos anticipados ata o 80% das subvencións concedidas e a exención da obrigación de constituír garantías en depósito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.