A Galicia abandonada, o psiquiátrico de San Rafael: Así foi a visita deste asturiano que destaca as "malas sensacións"

Actualmente o edificio continúa abandonado e alberga historias realmente arrepiantes como o sonado caso de Virtudes.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 21/07/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Quen sexa de Lugo ou arredores seguro coñece o Hospital Psiquátrico San Rafael tamén coñecido no seu tempo como o 'Manicomio de Castro' que alberga historias do máis terroríficas e que non fai tanto que pechou. Foi en febreiro de 2012 cando se anunciaba que ía poñer punto final a súa actividade e que os pacientes terían como novo destino o Hospital de Calde. Situado en Castro Ribeiras de Lea, o de San Rafael, levaba 30 anos de actividade, xa que se iniciou aló pola década dos cincuenta coa intención de atender a pacientes con diferentes enfermidades mentais. De portas para fóra semellaba un lugar tranquilo, rodeado de vexetación, pero a realidade de portas para dentro resumíase en miseria, crueldade humana, malas condicións... Tiña capacidade para 200 prazas e chegou a ter máis de 400 persoas con doenzas mentais, todos en estancias unidas sen distinción por tipo de enfermidade ou necesidades e con falta de profesionais sanitarios para a atención. 

Imaxes do interior da época
Imaxes do interior da época | Fonte: Deputación de Lugo

Actualmente o edificio está abandonado, apréciase a fachada principal desde a estrada, e non se rehabilitou para ningunha actividade nestes anos. Dependía da Deputación de Lugo que se amosou, no seu momento, disposta a negociar con Fudace (Fundación de Dano Cerebral) un proxecto para reutilizar o edificio. Finalmente, sen o apoio económico da Xunta de Galicia tivo que renunciar. As últimas informacións sobre o antigo psiquiátrico de San Rafael, datan do ano pasado, cando a propia Deputación realizou unha donación ao Goberno para darlle unha nova vida converténdoo nun Centro de Acollida de Protección Internacional, sendo así o primeiro de Galicia. Dicían desde o Estado que as obras comezarían neste 2024, pero a día de hoxe, todo segue igual. 

VALENTES E INTRÉPIDOS ATRÉVENSE A VISITAR O QUE QUEDA DO QUE FOI

"Iamos con dúbidas sobre se había gardas de seguridade, alarmas, algún sistema que impedira o acceso ou que estivera pechado. Atopámonos con que estaba aberto de par en par, non na porta principal, pero si por numerosas fiestras laterais polas que se podía acceder sen dificultade", explica Guillermo Méndez Álvarez, un asturiano das Cuencas Mineras, que fixo unha viaxe desde aló ata Castro Ribeiras de Lugo para visitar o psiquiátrico de San Rafael e gravar para a súa canle de Youtube. Xunto cuns amigos xa tiña ganas de viaxar ata este punto e pasaron uns días en Lugo para facer turismo de estancias abandonadas, algo que de sempre lle gustou. "Xa hai tempo vira un vídeo dun Youtuber que o visitara i era un caso coñecido que saiu en varios blogs que trataban dos fenómenos paranormais e misterios que albergaba", comenta. Un día de choiva en outubro, co ceo pechado, decidiron poñer rumbo e atopáronse coa posibilidade de adentrarse no lugar, valeiro de mobles, pero cunhas "malas vibracións enormes". 

De primeiras, recoñece que o que máis lle impactou foi o "impresionante" vestíbulo coa escaleira en forma de "caracola" para subir ao primeiro piso. Porén, sen dúbida, destaca que non é quen de describir o ambiente xeral que se respiraba cando camiñaba a través das salas e os numerosos estreitos corredores. "Canto máis tempo pasabas aí, máis se ía notando unha sensación mala e extraña. Ben é certo que visitamos ese lugar sendo conscientes das historias dos que alí estiveron", afirma Guillermo. No vídeo, expresa en numerosas ocasións sorpresa ante os múltiples grafitis que había en cada estancia. 

Imaxes do interior do psiquiátrico en 2023
Imaxes do interior do psiquiátrico en 2023 | Fonte: Cedidas por Guillermo Méndez

"O CASO DE VIRTUDES É A ESPAÑA NEGRA"

Sentiu medo nalgún momento durante a visita? "Medo de dicir temos que saír de aquí xa, non, pero si percibín unha sensación de alerta, non sei como describila, digamos que non estás nun ambiente cómodo". Dito isto asegura que mereceu a pena polo espectacular que é o lugar e porque o vídeo tivo repercusión boa. A xente quedaba abraiada ao saber que un edificio tan grande estaba completamente abandonado e de como non lle deron outro uso en todo este tempo. "Cando coñecen historias que narro no vídeo porque sucederon realmente, como a de Virtudes, a xente soe dicir que é incrible e terrorífico que sucederan na realidade e que formaran parte da vida deste lugar", sinala Guillermo. 

Cita o caso de Virtudes, moi sonado no seu momento á par que atroz, foi a rapaza que chegou a arrincarse os ollos estando internada en San Rafael. Para este editor de vídeos asturiano é un caso da "España negra en todo o seu atesoramento, da xente pobre con concepcións de vida atrasadas, que semellan de fai séculos, pero non". Naceu en 1964 en Cospeito cunha malformación e extraña fisionomía, que levou aos seus proxenitores a pensar que era un castigo divino e que debían ocultala. "Pasou anos pechada nunha artesa de madeira, alimentada cun biberon de auga e fariña e rodeada por toxos", describe sobre o que puido documentar do caso. Co paso do tempo, Virtudes debeu conseguir escapar e veciños da zona aseguraban ver unha "extraña criatura camiñando a catro patas" pola zona. Foi aí cando o sacerdote da parroquia solicitou o ingreso da rapaza no 'Manicomio de Castro'. 

A historia de Virtudes trascendeu, lamentablemente, por un episodio de autolesión unha vez xa ingresada no psiquiátrico, onde estivo 30 anos atada ás costas. "Chegou a arrincar os ollos e comer os dedos das mans. Arrepiante, un epiosdio violento que deixa de manifesto a desatención dos pacientes e a falta de vixilancia para que se producise unha autolesión tan grave", explica e confesa non ser quen de entender como alguén pode chegar ao extremo de autolesionarse desa forma. Guillermo montou o vídeo desde a casa, sendo consciente desta historia e doutras, como a dun rapaz que agredira a un Garda Civil e que o medicaron para pasar inconsciente máis de 50 anos. "Houbo moitos casos de suicidios no que se fixo coñecido como o manicomio máis duro non só de España, senón de Europa. Todo isto xera mal corpo e entendín que todo isto facía normal esa sensación negativa ao visitar o lugar", expón. 

AFECCIÓN POLOS LUGARES ABANDONADOS: VISITOU DOUS MÁIS EN GALICIA

Sendo consciente de todo isto, hai que ser persoas valientes e intrépidas para decidir visitar un edificio que alberga historias tan truculentas. No caso de Guillermo, o de visitar lugares abandonados é unha afección que leva facendo "desde sempre", desde que era neno cando entraba en vivendas abandonadas: "É unha paixón que conservo, xa que vivo nas Cuencas Mineras, un lugar onde a desindustrialización pegou moi forte e hai moitos lugares que perderon actividade". Fai tres anos que comezou a gravar vídeos neses espazos, editalos e subilos tanto a Youtube como a Tik Tok, tentando que o contido teña unha periodicidade establecida. Destaca que este afán por descubrir lugares que xa non teñen vida tamén fomenta un tipo de turismo nesas zonas: "Estivemos deixando cartos na hostalería de Castro durante eses días da visita, por exemplo, porque resulta de reclamo".

Sendo de preto de Galicia, visitou a comunidade para descubrir un par de discotecas abandonadas: "Unha dos anos 80, que prefiro deixar no anonimato, e a discoteca Troco, en Vilalba". Destaca que estes vídeos gustaron moito en Tik Tok sendo dos que máis éxito acadaron porque á xente da zona lembraba con nostalxia recordos deses espazos cheos de historias vividas. "Encantaríame visitar en China diferentes centros comerciais abandonados, incluso mini cidades, con edificios de varios pisos; en Alemaña ou Francia, búnkeres da Primeira Guerra Mundial", manifesta para o futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta