O PSdeG cualifica de "inaceptable" que existan barreiras que "dificulten a vida" das persoas con lesión medular

Os socialistas "tomarán a iniciativa" no Parlamento para converter as demandas da asociación Aspaym en "realidades".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/09/2024 | Actualizada ás 18:05

Comparte esta noticia

O PSdeG manifestou o seu apoio á Asociación de Lesionados Medulares e Grandes Discapacitados Físicos de Galicia (Aspaym) e cualificou de "inaceptable" que en pleno século XXI existan barreiras que "dificulten a vida" das persoas con lesión medular. Deste xeito, os socialistas galegos compartiron nunha nota de prensa o seu "compromiso" de "seguir traballando" para que as reivindicacións desta asociación sexan "escoitadas e atendidas".

Nesta liña, indicaron que se unen a Aspaym na demanda de garantir que todas as persoas afectadas por lesión medular reciban unha atención sanitaria "especializada e de calidade", sen importar en que lugar de Galicia residan. "Non permitiremos que as trabas administrativas signa sendo un obstáculo para acceder aos mellores tratamentos en centros de referencia como o Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo", subliñaron.

A POLÍTICA "NON PODE PERMANECER ALLEA"

Así mesmo, aseguraron que a política "non pode permanecer allea" ás necesidades daqueles que "máis apoio necesitan", razón pola que "tomarán a iniciativa" no Parlamento de Galicia para converter estas demandas en "realidades concretas".

Ademais, indicaron que é o "deber" do Goberno galego e de todos os partidos con representación parlamentaria, "atender estas necesidades con urxencia". Polo que se comprometeron a presentar iniciativas lexislativas que promovan unha "verdadeira" accesibilidade.

INCREMENTAR O INVESTIMENTO EN INVESTIGACIÓN

Neste sentido, o PSdeG apoiou a demanda de Aspaym de incrementar o investimento en investigación en neurorehabilitación e outras áreas "clave", como unha estratexia "imprescindible" para mellorar a calidade de vida das persoas con esta lesión. Con todo, os socialistas tamén sinalaron que o seu partido "avoga" por un Pacto de Estado que "garanta" os recursos necesarios para avanzar neste sentido.

Fotografía de Comunicación Aspaym
Fotografía de Comunicación Aspaym

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta