Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/07/2024 | Actualizada ás 22:00
A verbena galega nunca rematará de dar sorpresas. Aínda que semelle que xa está todo o peixe vendido e que os primeiros postos no 'ranking' de artistas máis cotizados sempre se reparten entre Panorama, París de Noia e Combo Dominicano, hoxe dende o Galicia Confidencial comprobamos que non sempre é así. Robert Berrios é un cantante venezolano que leva xa case 20 anos no noso país e que este mes de xuño subiu ata o posto número 11 da lista de Orquestas de Galicia. Actualmente atópase na orquestra Los Españoles, pero o seu percorrido na música é moito máis longo e así nolo conta. Ademais, tamén hai que destacar que Robert será un dos novos recanteiros do programa 'Recantos' emitido na TVG, pois asegura que "despois de tanto tempo sendo tan ben acollido aquí, xa tocaba aventurarse a cantar en galego".
Como nos conta Robert, "a min a música é algo que sempre me gustou", a pesares de que "os meus comezos foron no baile, coa música pop, rock e funky". Sería despois de pasar por esa etapa de baile cando decidiría aprender canto no seu país natal, Venezuela. "Eu tiven que prepararme, non fun un deses talentos naturais, custoume traballo prepararme, fun a un conservatorio de música no que estiven catro anos estudando", asegura. A partir de aí comezou a entrar en formacións de música latina e tamén estivo nunha coral. Para el, sen dúbida, "a miña base foi a coral". Sería despois duns anos cando viaxaría a España para asentarse no País Vasco, concretamente en Bilbao. "Estaba acostumado a cantar todas as fins de semana e, de súpeto, atópome cun país completamente novo para min, moi diferente", confesa. Diso fai xa case 20 anos.
Por suposto, como calquer persoa que chega nova a unha terra, Robert non puido comezar facendo o que lle gustaba, senón que tivo que adaptarse tanto a unha nova cultura como a novos oficios. "En Bilbao traballei tres anos de camareiro e un día dixen: estou moi queimado, quero facer o que me gusta", lembra Robert. E dito e feito, meteuse en Internet e buscou literalmente a palabra 'orquestras'. "O primeiro que me apareceu foi Canarias e Galicia e dixen: pois teño que irme para aló", recorda. Así foi como comezou a mandar currículos dende Bilbao e sempre lle poñían problemas porque non tiña vídeos cantando para amosar. Foi por iso que nese primeiro intento non deu entrado en ningunha formación, nin sequera en dúos ou tríos.
"NA PANDEMIA TOCOUME FACER DE TODO PARA SACAR Á MIÑA FAMILIA ADIANTE"
Todo cambiou cando o chamaron dunha orquestra galega afincada na Coruña e lle pediron ter unha entrevista presencial. Colleu o autobús, case 11 horas de traxecto ata Coruña dende Bilbao, e plantouse na cidade herculina. "Ao que me entrevistou gustoulle como cantaba e díxome que me collían para a súa orquestra", conta Robert. A decisión non era sinxela, pois tiña toda a súa vida feita en Bilbao, coa súa familia, e tiña que deixalo todo para virse para Galicia. Pero como os soños teñen máis forza que os medos, para aquí se veu. "Nesa orquestra funme empapando de todos os estilos, porque aprendín que o que caracteriza ás orquestras galegas é a versatilidade, hai que ser moi versátil como artista para poder cantar todo o repertorio que teñen", apunta. Nesa formación estivo un par de anos, ata que outras orquestras comezaron a interesarse por el e a facerlle ofertas.
De aí deu o salto á orquestra Galilea, onde tamén estivo un par de anos, para dar logo o paso á orquestra Los Españoles. Pero chegou a pandemia. "A tres días de comezar a tempada, e despois de tres meses ensaiando todo o repertorio, caeu a pandemia e todo se parou", lembra Robert. Para moitos cantantes foi un tempo moi duro no que se tiveron que buscar a vida noutros traballos. "Eu teño familia e tocoume facer de todo para poder sacalos adiante, de feito ata cheguei a traballar como varrendeiro, experiencia da que logo fixen un videoclip na honra de todas esas persoas que se levantan ás seis da mañá para manter limpa a cidade", conta. A canción titulábase 'La gente quiere fiesta', e nel participan moitos cantantes de orquestras galegas, denunciando tamén que "durante a pandemia aos últimos que se tivo en conta foi aos músicos e a verdade é que o pasamos moi mal durante un tempo".
O TEMA 'LOLA' FOI DIRIXIDO POR ROBERT E É DOS QUE MÁIS GUSTAN AO PÚBLICO
Cando por fin se levantaron as restricións e as orquestras puideron retomar paseniñamente a súa actividade, Robert recibiu a chamada da orquestra Finisterre, para unirse ás súas filas. "Botei un par de tempadas con eles e bastante ben, porque aprendín moitísimas cousas", asegura. A partir de aí chegáronlle máis ofertas e así foi como rematou novamente en Los Españoles, onde está na actualidade, "montando un repertorio bastante bo". O que máis destaca é un videoclip que el mesmo dirixiu dun tema titulado 'Lola'. "Agarrei a miña cámara e aos meus compañeiros e marchamos á Catedral de Santiago, sen pedir permiso nin nada, podíannos arrestar tranquilamente, pero ao final fixemos alí o vídeo e quedou moi ben", afirma. A día de hoxe é das cancións que máis gusta ao público de Los Españoles, porque tamén se presenta nas festas co videoclip proxectado na pantalla.
Así mesmo, asegura que tamén está gustando moito aos seguidores de Los Españoles o tema 'La Cigarra', que interpreta coa súa compañeira de filas Alicia Bautista. "É unha canción moi bonita que interpretou a gañadora de Operación Triunfo e que a nivel vocal é bastante complicada, porque che esixe ter a voz e o aire moi controlados", explica. De feito considera que "é un dos temas que máis esixe a nivel colectivo, como grupo". A nivel individual, entre as cancións que interpreta, destacaría o tema 'A escondidas', de Camilo Sexto, que como di "é un tema vello, pero que ten un arreglo bonito e que se escoita bastante fresco". E é que Robert é un namorado das baladas.
ADEMAIS DE FORMAR PARTE DE LOS ESPAÑOLES, CHEGA A 'RECANTOS' E TEN O SEU PROPIO PODCAST
Pero Robert é inquedo por natureza e non lle chega con todo o traballo que supón a orquestra, senón que está tamén noutros proxectos paralelamente. Así, dende este venres forma parte das filas da nova tempada de 'Recantos', o programa da TVG, de cara ao ano 2025. "Faime moita ilusión porque aínda que levo toda a vida cantando este é un reto totalmente diferente, porque cantar en galego é algo totalmente novo para min e faime moita ilusión poder interpretar unha canción en idioma galego", asegura, pois cre que "Galicia e os galegos meréceno, porque déronme tanto que eu quixera poder devolverllo dalgunha maneira, e esta é unha forma bonita de facelo".
Entre os seus proxectos, Robert tamén ten un podcast en YouTube (Hablandoconlamelodia) no que entrevista a diferentes compoñentes das orquestras galegas e lles fai preguntas que ninguén se atreve a facerlles, pero que todo o mundo quere saber. Asegura que de cara á nova tempada do podcast xa ten enfilados a artistas como Diego Moreira e xente de El Combo Dominicano e Origen. Con todo, confesa que "leva moito traballo cando estás ti só e eres o que grava, edita e sube os vídeos", pero tamén confesa que "xa noto o cariño da xente e a miña canle vai crecendo pouco a pouco". A todo isto hai que sumar que Robert tamén fai bolos en solitario e que xa está dándolle á cabeza para elaborar novos temas e videoclips. Un non parar.
"TÉÑOLLE TANTO CARIÑO A GALICIA QUE AÍNDA TENDO A TODA A MIÑA FAMILIA EN BILBAO, AQUÍ SIGO"
Hoxe por hoxe Robert vive en Negreira, un pobo no que leva radicado case 5 anos e ao que lle ten un cariño moi especial. "Trátanme moi ben e vivo moi a gusto aquí", asegura, e engade que "a miña parella vivía no centro de Bilbao e dicíame que ela non quería irse vivir a un pobo, pero cando chegas aquí hai algo como que che atrapa e xa non queres marchar, agora vai á cidade e como que a agobia". De feito, afirma que "téñolle tanto cariño a Galicia que aínda tendo a toda a miña familia vivindo en Bilbao, á miña nai e aos meus irmáns, eu aquí sigo, lonxe deles". Como tamén sigue lonxe da súa terra, Venezuela, que leva 15 anos sen visitar por motivos persoais e de traballo, pero á que lle gustaría retornar algún día, aínda que sexa de viaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.