Foro Económico considera que Galicia está nunha "posición razoablemente boa" no actual sistema de financiamento

Segundo manifestou o director, Santiago Lago.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/07/2024 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

O director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, opina que a comunidade galega atópase nunha "posición razoablemente boa" no actual sistema de financiamento, posto que "recoñece a Galicia como a segunda comunidade autónoma con máis necesidades de gasto por habitante". Por iso, un novo sistema que nivele: "Condena a Galicia porque temos menos capacidade fiscal que a media e máis necesidades".

A preguntas da prensa este mércores, Lago explicou que "os números o que din é que Galicia está en torno ao 92% da media española en PIB per cápita, en canto a capacidade fiscal, pero as necesidades están por encima da media en envellecemento e dispersión, no 108-110%", de modo que "esa é a brecha" e unha nivelación pode ir en contra dos intereses de Gaicia. Neste sentido, remarca que a posición de Galicia está "por riba da media" no sistema actual. "Esa dispersión poboacional, ese envellecemento, fai que sexamos os segundos detrás de Castela e León en recoñecemento de necesidades de gasto per cápita, o que nos fai estar nesa posición razoablemente confortable", afirma.

"Nós non somos os que temos máis présa, máis urxencia na reforma", sinala, pois "hai outros que están nunha peor posición". No entanto, deixa claro que, "obviamente", esa reforma "é conveniente" e "necesaria", polo que "oxalá que sexa rápida".

PROPOSTA DE REFORMA

O Foro Económico presentou este mércores antes o Consello Económico e Social (CES), en Santiago, o seu documento 'Propostas para España: A reforma do financiamento autonómico', que xa foi dado a coñecer o pasado mes no Congreso dos Deputados. Esta proposta, que se fai para o conxunto do país e non só para Galicia, móstrase contraria a estender o modelo foral e que haxa unha cota para Cataluña, á vez que propón "axustar pezas" para un mellor funcionamento sen "rupturas".

Algunhas das apostas principais que expón o foro pasan por: un IVE "colexiado" --coa posibilidade de que as comunidades teñan capacidade de decidir de forma conxunta sobre se soben ou baixan tipos impositivos en función dos seus intereses--; a reforma do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) para que teña maior peso e conte cun 1% dos ingresos non financeiros do Estado, co que establecer un plan de investimentos a medio prazo para corrixir desigualdades; unha simplificación de tributos que gravan a riqueza --onde se volva a fixar un chan de bases imposibles que atalle o 'dumping' fiscal entre autonomías--; unha reforma fiscal verde con maior papel das comunidades; máis "transparencia" e axilidade en cambios normativos no IRPF; así como avanzar na participación das autonomías nos labores de xestión tributaria, non a través dunha fragmenciación da Axencia Tributaria, senón para unha participación de información en tempo real.

Un dos puntos que destaca entre o exposto por este grupo de expertos é que se estableza unha quita parcial de débeda 'per cápita' para que os cidadáns de todos os territorios non sintan ningún tipo de agravio, unha posibilidade distinta á deseñada para realizar unha quita do 20% a Cataluña.

Os economistas Xaquín Fernández Leicega e María Cadaval foron os encargados de debullar os diferentes puntos do informe do Foro. Reflexionan acerca de como a crise da Gran Recesión e a pandemia mostraron que o sistema actual é "insuficiente", posto que se tiveron que articular diferentes fondos como o FLA ou achegas extraordinarias ás comunidades para atender os servizos básicos. Por iso, cren necesario que se estableza un modelo estable que non dependa de forma "indefinida" de transferencias discrecionales.

Santiago Lago fixo fincapé no que sistema español "non está tan mal en perspectiva comparada", posto que "non hai ningún no mundo que sexa mellor en conxunto" nin ningún país na UE cunha maior descentralización. Iso si, incide na necesidade da mellora de aspectos como a cogobernanza, a través dunha reforma de órganos como o Consello de Política Fiscal e Financeira ou a Conferencia de Presidentes.

Precisamente, varias destas propostas coinciden coas que xa expuxo o director Foro Económico durante a súa intervención, a comezos de 2022, na comisión do Parlamento galego de reforma do sistema de financiamento, que agora retomará a Cámara tras quedar paralizada os últimos dous anos.

O acto comezou coa intervención do presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez Álvarez, que agradeceu ao Foro ir falar no CES dunha cuestión tan "transcendental". Ademais, o presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez Neto, subliñou o "motivo de satisfacción" que supuxo a presentación deste informe no Congreso.

TEITO DE GASTO

Por outra banda, a preguntas sobre o anuncio da Xunta de que contará en 2025 co maior teito de gasto da súa historia e sobre a capacidade de continuar cunha senda de baixada de impostos, a economista María Cadaval remarcou que está pendente de que o Goberno presente en setembro o plan de axuste financeiro para axustarse o novo plan fiscal europeo.

Así, Cadaval expón que, dentro desa autonomía, poderase decidir entre un camiño de "máis" servizos públicos ou apostar por reducir impostos.

Foro Económico presenta informa sobre financiamento
Foro Económico presenta informa sobre financiamento | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta