PSdeG denuncia a "sobrecarga" nos servizos de socorrismo dos concellos e pide máis recursos á Xunta

Nun acto na praia da Frouxeira, en Valdoviño, o secretario xeral dos socialistas na provincia, Bernardo Fernández, criticou a Xunta "se limite única e exclusivamente a sacar unhas subvencións tarde e mal definidas"

Por E.P. | Ferrol | 17/07/2024 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia



O PSdeG reclamou este mércores á Xunta máis recursos para financiar os servizos de salvamento e socorrismo en Galicia, dado que, afirman, os que destina agora o goberno autonómico "non son suficientes" e causan unha "sobrecarga de competencias impropias" nos concellos.

Nun acto na praia da Frouxeira, en Valdoviño, o secretario xeral dos socialistas na provincia, Bernardo Fernández, criticou a Xunta "se limite única e exclusivamente a sacar unhas subvencións tarde e mal definidas" mentres os municipios tentan sacar adiante este servizo. "Estamos a falar de salvar vidas e a Xunta ten que asumir dunha vez por todas as súas competencias", apostilou.

Fernández incidiu en que a Xunta, "cando non achega os recursos necesarios para poder desenvolver as competencias, está a lastrar aos concellos, que ven así obrigados a detraer fondos propios doutras partidas que son tamén necesarias, como a axuda no fogar ou o mantemento de instalacións educativas".

Pola súa banda, o secretario de Política Municipal do PSdeG, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que a liña da Xunta para este servizo limítase "a un máximo de 40.000 euros para cada concello, cantidade tremendamente insuficiente", co "agravante" de que os municipios do interior teñen menos puntuación que os da costa neste baremo e de que se convocan "tardíamente".

"Os concellos deben poder contar con ese financiamento antes do verán", apuntou. Isto mesmo, engadiu Rodríguez, contribuiría a paliar a falta de profesionais, xa que as deficiencias no financiamento derivan á súa vez en condicións laborais menos atractivas".

Por último, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asegurou que o problema de falta de socorristas remóntase anos atrás e que algunhas condicións melloraron "grazas á presión dos concellos e da Fegamp", aínda que iso non evita que "a día de hoxe non podamos completar os nosos persoais".

No caso de Valdoviño, das 17 praias que ten "só podemos atender cinco", dixo, ademais de que "non se trata soamente dunha necesidade de persoal, posto que tampouco temos o material e equipamentos que necesitan os socorristas para desenvolver o seu traballo". Ademais, lamenta que esa cantidade anual de 40.000 euros sexa a mesma, "sen ter en conta o número de praias" de cada municipio.

Socorristas
Socorristas | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta