Este mural de Lugo para reivindicar a liberación do territorio palestino non durou "nin 24 horas"

Unha iniciativa da Plataforma Lugo por Palestina que lamenta que durase tan pouco tempo intacta.

Por Amanda Fernández | Lugo | 19/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"En realidade é algo que tiñamos pensado dende hai tempo, xa tiñamos o permiso concedido desde decembro ou xaneiro, era unha iniciativa que sempre na recámara", así fala Simón García, membro da Plataforma Lugo por Palestina, do mural que realizaron. "Para reivindicar a liberdade do territorio palestino ocupado dende 1948, cuxo pobo actualmente está a sufrir un xenocidio por parte do sionismo", sosteñen. Tardaron tanto en realizalo porque precisaban de tempo e priorizaron outras accións de información ou divulgación, que requerían maior urxencia como actos ou manifestacións. 

Estado inicial do mural da Plataforma Lugo por Palestina
Estado inicial do mural da Plataforma Lugo por Palestina

"Decidimos facelo dunha vez e con motivo de recuperar o tema en Lugo, xa que creemos que está moi normalizado o que está pasando aló y quixemos reivindicar desde unha acción artística, sen ser necesariamente, disruptiva", explica Simón. A última iniciativa que fixeran a gran escala foi unha gala musical para recadar fondos que vaian parar a UNRWA, organización dedicada á "protección e coidado da poboación palestina". 

Para facer o mural reuníronse o sábado pasado ata sete persoas e xa contaban co deseño dende hai tempo, realizado por un compañeiro da plataforma. "Tivemos que quedar primeiro para limpar o muro e logo xa pintar, era a primeira vez que faciamos algo así, pero fomos baixo a dirección de quen sabía", recoñece. Decidiron poñer unha cor de fondo para que a pintura agarrase mellor e non remataron nesa xornada. O domingo tiveron que ir tres persoas para rematar o que sería a versión final do mural xa cos detalles pulidos. 

"XA ESPERABAMOS QUE PASARÍA ALGO ASÍ, PERO NON DUROU NIN 24 HORAS"

Durante esas dúas xornadas compartiron nas redes sociais que estaban realizando esta iniciativa e o feedback era moi positivo e diferentes plataformas de arte por Palestina tamén amosaran o seu apoio. Porén, o luns recibiron a mala noticia de que o mural fora "atacado e cuberto en varias zonas de pintura verde". Figuraba tapada a palabra Palestina, a franxa e o triángulo da bandeira, así como as caras das persoas do barco. "Foi un chasco, unha decepción, pero é un tema que xera debate e xa esperabamos que pasaría algo así, pero é que non durou nin 24 horas", lamenta Simón. Considera que puido ser alguén que soubo da localización do muro polo compartido en redes sociais ou mesmo calquera que pasara pola zona e vira mentres pintaban.

Estado actual do mural da Plataforma Lugo por Palestina
Estado actual do mural da Plataforma Lugo por Palestina

"Paréceme que demostra a necesidade de accións reivindicativas de Palestina e pola defensa da liberación do seu pobo", manifesta e engade que resultou especialmente doloroso que responderan tan mal ante unha manifestación artística e cultural para compartir. "Foi mala noticia que cubrisen por riba, pero como positivo, alguén anónimo foi despois e volveu poñer a palabra Palestina sobre o verde. Isto é bo sinal porque hai máis xente á que non lle parece ben esta censura", comenta. De feito este é a aparencia actual do mural. 

Desde a Plataforma Lugo por Palestina afirman que este sábado van restauralo e "deixalo incluso mellor" e que quen queira pode animarse a participar. "Todo o mundo é benvido porque a finalidade é aprender, conectar e facer unha reivindicación polo pobo palestino", expón Simón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta