(Vídeo) Praias galegas que son un tesouro: coñeces algunha no parque de Corrubedo máis aló das Furnas e Ladeira?

Aínda que semella que esta zona xa está completamente masificada polo turismo, aínda quedan algúns recunchos que só coñecen os locais onde desfrutar da tranquilidade e a beleza natural desta contorna.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Pensar en Corrubedo é pensar automaticamente na praia das Furnas ou na de Ladeira, situadas na entrada da ría de Noia, entre os concellos de Ribeira e Porto do Son. A grandiosidade do areal case virxe das Furnas, duns 800 metros, con area branca e fina e augas cristalinas, atrae cada ano a milleiros de visitantes. A cor turquesa do mar e as súas piscinas naturais rodeadas de rochas na súa maioría fana moi atractiva. Aínda que tamén se caracteriza pola forte ondada e o vento habitual, o que a fai idónea para a práctica de deportes acuáticos como o 'windsurf'. Pero hoxe non vimos falarvos desta espectacular praia onde Alejandro Amenabar rodou escenas da película 'Mar Adentro' e onde se filmaron varias partes da exitosa serie 'Fariña', senón dos pequenos areais da súa contorna que se atopan moito menos masificados e que gozan de idénticas cualidades.

Praia da Robeiriña ou Ribeiriña, en Ribeira
Praia da Robeiriña ou Ribeiriña, en Ribeira | Fonte: GC

Tampouco vimos a expoñervos as virtudes da praia de Ladeira, que con case un quilómetro de lonxitude é outra das xoias naturais do Parque Natural das Dunas e Lagoas de Corrubedo. Tamén con area fina e un espazo virxe e protexido rodeándoa. Aínda que ben podiamos deternos a reparar en que esta praia é custodio da gran duna móbil que hai no parque, un dos grandes atractivos que ten Corrubedo, sendo a maior duna que se conserva en Galicia, non imos facelo. Esquécete de todo isto e pensa nunha praia sen nome oficial, que unicamente é usada polos veciños e algúns visitantes aos que estes lle comparten o seu segredo, onde as mareas petan con forza contra os muros das casas de estilo mariñeiro que foron construídas no seu tempo en primeira liña de costa e onde só se escoita o latexo das ondas do mar contra algún que outro barco atracado na area.

Estamos a falarche da praia da Robeiriña, ou de Ribeiriña, como tamén lle chaman algúns. Con escasos 12 metros de lonxitude e 8 de anchura, cando sube a marea queda completamente inservible. Os seus maltreitos chanzos de pedra tamén quedan recubertos de auga e, coas mareas vivas do mes de agosto, esta auga mesmo pode dar o salto e adentrarse nas rúas da vila. Cómpre destacar que, para atoparse en mar aberto, ao estar ao abrigo do espigón do porto de Corrubedo, está protexida das inclemencias do tempo e dos fortes ventos que poden soprar na zona aínda en días de verán. E ollo, que non é a mesma praia que a de Robeira, que sería a súa curmá maior, situada xusto no peirao de Corrubedo, onda o faro e o centro da vila, con todos os bares e cafetarías ás súas costas. Esta é moito máis tranquila, pois carece de todo ese ruído propio da contorna urbana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José Antonio

Si hay la playa de Balieiros y el Corgo non son urbanas y se practica el deporte de las wind surf y el desnudismo.