Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2024 | Actualizada ás 18:26
A Xunta informa de que aprobou a licenza de construción de 69 parques eólicos, á que se sumará outra en breve, antes da data límite do 25 de xullo fixada polo Goberno central.
A comezos de 2023, o Goberno galego informaba de que 77 proxectos eólicos obtiñan declaración ambiental, as cales sumaba 2.200 megawatts --con 43 informes desfavorables por 1.114 megawatts--. Agora, a Xunta indica que son uns 70 os que conseguen superar a licenza de construción, que se traducen en 1.824,6 megawatts e un investimento de máis de 1.800 millóns de euros. Nun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente subliña que "Galicia cumpre cos prazos establecidos polo Goberno central", ademais de valorar que "o cumprimento do devandito fito administrativo foi posible grazas á lexislación autonómica vixente en materia de simplificación administrativa e reactivación económica", o que levou a unha maior axilidade na tramitación.
Ademais, o Goberno galego subliña que prepara a futura lei de administración ambiental simplificada, onde haberá un "imprescindible equilibrio entre o desenvolvemento das distintas iniciativas e a protección do medio natural", á vez que se aposta por "unificar e actualizar a regulación nesta materia e adaptar a normativa europea aos novos retos climáticos." Todo iso ocorre nun contexto de paralizacións por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de medio centenar de proxectos eólicos por riscos ambientais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.