A Xunta anima á cidadanía a doar voces para "promover a inclusión do galego no ámbito dixital"

A iniciativa busca recompilar a fala de distintos lugares, contando coa variedade fonética e dialectal de Galicia, así como de persoas de distinto xénero e idade

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2024 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou este martes á sociedade desde Xinzo de Limia a participar na campaña de doazón de voz posta en marcha no marco do Proxecto Nós, a iniciativa da Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago, para impulsar a incorporación do galego no ámbito dixital.

Neste sentido, o titular de Cultura do Goberno galego lembrou a importancia da colaboración da poboación para "seguir avanzando na xeración de recursos, co obxectivo de poder interactuar en galego nas plataformas tecnolóxicas".

"Para iso son esenciais campañas como esta, coa que pretendemos recoller a maior cantidade de horas gravadas en galego para garantir que as ferramentas do proxecto funcionen ben", insistiu.

A iniciativa busca recompilar a fala de distintos lugares, contando coa variedade fonética e dialectal de Galicia, así como de persoas de distinto xénero e idade. Nun comunicado, explican que esta é a segunda vez que leva a cabo esta campaña, 'Agasállanos coa túa voz', tras as experiencias de Porto do Son e Melide o ano pasado.

Esta vez chegarase a 16 concellos de diferentes comarcas de Galicia de maneira que as persoas que o desexen poidan acudir ás aulas CEMIT (habilitadas pola Xunta con computadores e internet para uso da cidadanía) presencialmente para facilitar a súa mostra vocal.

Así o fixo este martes persoalmente López Campos na Casa da Cultura de Xinzo, cuxa voz forma xa parte do banco do Proxecto Nós. Augurou que se conseguirá "un amplo rexistro do patrimonio oral para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google, entre outros, recoñezan noso fala".

Desta forma, xunto co secretario xeral da Lingua, Valentín Gómez, formou parte da demostración do funcionamento da plataforma ante os presentes, lembrando que calquera persoa poida gravar a súa voz tamén telematicamente a través do portal 'Doa a túa voz'.

Destacan que no portal do Proxecto Nós xa se pode experimentar libremente con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais desenvolvidas en fase de demostración: unha ferramenta que permite a conversión de texto a voz, o primeiro tradutor neuronal feito en Galicia e un sistema de recoñecemento da fala.

É para este último recurso, que permitirá que calquera máquina recoñeza a voz dunha persoa cando se dirixa oralmente a ela en galego, polo que se pon en marcha esta campaña presentada este martes.

Desta forma, a plataforma Common Voice, a través da que se desenvolve a iniciativa de recollida de voces, conta con 700.000 frases en galego (espérase que se supere o millón nos próximos meses) que necesitan ser lidas, co obxectivo de alcanzr as 1.000 horas de gravación.

Lembran ademais que nas próximas semanas, tal e como se anunciou no Consello da Xunta, poranse en marcha dous proxectos piloto. Un ten que ver con melloras no tradutor Gaio e outro coa integración dunha voz feminina que posibilite escóitaa en galego de todo o contido da web institucional.

Estes son algúns dos últimos avances do proxecto que no pasado mes de xuño presentou Carballo, o primeiro modelo lingüístico de Intelixencia Artificial para o galego, "un paso histórico que permitirá o desenvolvemento de sistemas intelixentes creados especificamente nesta lingua".

O conselleiro de Cultura, José López Campos, na presentación da campaña de doazón de voz do Proxecto Nós. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Cultura, José López Campos, na presentación da campaña de doazón de voz do Proxecto Nós. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta