Por Amanda Fernández | Lugo | 09/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Un sábado tarde, estás en Lugo ou preto, día de temperatura agradable e ceos algo cubertos, que se pode facer? Visitar Marcelle Natureza, un centro de recuperación e rescate de animáis, situado en Outeiro de Rei, en Lugo. Leva aberto desde o 2003 e supón unha aposta de acerto seguro para familias e excursións escolares durante o curso. A visita pode durar ata máis de dúas horas si se ve con calma e hai que ter paciencia porque os animáis teñen total liberdade para deixarse ver ou non. Falamos con Esther Valderrábano, conservadora do parque e con Óscar Sampedro, xefe de coidadores, xuntos permitiránnos percorrer parte do lugar e contarán os segredos e historias que agochan os verdadeiros protagonistas.
Na primeira parada, Óscar indica que este lugar pertence a Rede Natura 2000 porque é un lugar de interese comunitario debido á gran diversidade de fauna local, ao lado das terras dos río Miño. Coñecemos en primeira instancia a dous animáis "dos máis aclamados" polo público, unha parella de capibaras, Chipi e Puma. Tamén se pode ver un grupo de ocas, un cisne e un pavo real. Esta sería a primeira zona que se pode visitar, xa que o parque se divide en dúas partes: unha na que os visitantes poden ir vendo as instalacións pola súa conta e a zona de Reserva natural que precisa sun guía porque os animáis están en semiliberdade. Continuando polo camiño descubrimos un grupo de mara patagónicas ou lebres arxentinas, que no seu país están próximos ao perigo de extinción. Despois vemos unha avestruz que de seguido tenta vir cara a nós e non precisamente porque lle fagamos moita graza. Explican Esther e Óscar que Taki presenta unha pequena artrosis que lle fai coxear por unha antiga patada que lle propinou unha cebra.
O MÁIS ACLAMADO POLOS NENOS: A PARELLA DE SURICATAS
Nos primeiros compases da visita xa se pode ver a zona das suricatas, uns animáis especialmente encantadores e simpáticos que resultan do máis atractivo para os cativos. Cando nos achegamos a parella conformada por Lito e Scar están a darse mimos e Esther achégase a eles para contarnos. É un animal que se tivo como mascota ata a actualidade, xa que agora está prohibido. Esta é unha parella xa maior que foi rescatada dun zoolóxico onde estaban nunhas instalacións con teito. É unha especie que precisa estar constantemente vixiando o ceo para ver se hai depredadores, aves rapaces, que puideran estar poñendo en perigo a súa poboación. Por isto, é extrictamente necesario que se ubiquen en instalacións que garantan o seu benestar.
Como se leva traballar nun lugar así? Comentan que traballan por quendas porque hai que estar de luns a domingo, tamén fan fincapé en que hai que estar todo o ano porque non pecha en festivos ou datas sinaladas. Xa no plano do traballo, Esther é veterinaria e como conservadora dirixe o departamento animal e vai decidindo, en liña e unión con Dirección, a liña de conservación do parque. Os parques zoolóxicos normalmente teñen que decidir como queren conservar a natureza, xa sexa por animáis en perigo de extinción ou porque nos dedicamos a reubicación e rescate de animáis. En Marcelle van máis pola liña do rescate e reubicación, e encárgase da vida do animal desde o punto de vista do rescate e logo da súa rehabilitación psicolóxica. No caso de Óscar é biólogo, xefe de coidadores, encárgase da alimentación, coidado e mantemento dos animáis e instalacións, supón un traballo máis diario e próximo aos animáis, con adestramento con eles supervisado por un veterinario.
VIAXAMOS Á ÁFRICA PARA COÑECER A OUTRA PARELLA
Seguindo coa visita atravesamos un arco no que figura a palabra 'África' e podemos ver desde un miradoiro no alto a diferentes especies africanas convivindo noutra parcela mixta, tales como cebras, cobo de agua, eland del Cabo ou sitatunga e todas comparten lugar. Precisan de moito espazo e son rumiantes, xa que a súa alimentación fundaméntase no pasto.
Conta Óscar que hai unha parella de eland del Cabo, Dora e Momo, que pertencen ao xénero de antílopes máis grande do mundo, porén non sería este especie que é bastante grande. Diferencianse machos e femias polos cornos, elas téñennos máis finos e longos. Cabe destacar que durante o agradable paseo polas instalacións un pode atoparse diferentes esculturas integradas na propia natureza que chaman bastante a atención.
A FAMILIA DE MONOS CAPUCHINOS E NOVAS INCORPORACIÓNS
Facemos parada fronte a unha inquieta familia de mono capuchino, chamado así polo tupé de pelo que recorda aos monxes capuchinos. É unha especie protexida fronte ao comercio, xa que é das máis empregadas para os espectáculos e a día de hoxe, segue capturándose para ter como mascota. Debe vivir en núcleos familiares, aquí temos unha gran familia con Citro, que é o pai e tamén o máis traste. Para a nosa sorpresa pechou a caixa na que estaba subido para facer música e explica Esther que é a única especie capaz de realizar música para chamar a atención doutras especies. Unha fantasía ver como saltan dun lado a outro coa cola como quinta extremidade. Seguindo coa ruta vemos como Óscar colle algo do chan, unha vacaloura, especies autóctona, é o "escaravello máis grande que temos en Europa". Marcelle tamén permite pola súa localización ver reliquias coma esta.
O seguinte punto é o insectario onde nun cartel figura que haberá próximas incorporacións. Serán once tarántulas, que veñen de incautación, sendo Marcelle recentemente centro colaborador CITES. De momento as tarántulas están coidadas en zonas non expostas ao público, pero pronto poderán verse.
Outra estancia permite ver a través dun cristal a un grupo de machos de babuíno ou papión sagrado, Summer e o xefe Yamal, que ten a cara máis vermella. Destaca Esther que tanto estes animáis como todos os demáis poden escoller estar ocultos ou visibles en función das necesidades. Por isto hai que armarse de paciencia e estar pendente: "Moitas veces que non os vemos, pero ter en conta que sempre están".
AS MACACAS CANGREJERAS E A EXPERIMENTACIÓN ANIMAL
A historia das 14 macacas cangrejeras resulta realmente triste porque foron empregadas para a experimentación animal e rescatadas pola Fundación Up. Proceden dun laboratorio no que experimentaron con elas a píldora anticonceptiva humana das mulleres. Iso tradúcese no peso que presentan, que ten que ver coas probas médicas que se realizaron para o beneficio. Aquí rehabilítanse psicolóxicamente.
Pasamos fronte a un guanaco que veu correndo cara nós porque é unha auténtica estrela á que lle apaixonan os focos, Ovi. Di Esther que vai sempre á cámara directo e que se enfada se miras aos veciños, sempre hai que miralo a el e sempre vén correndo para que se lle retrate, posa e todo. Falando así un pouco de todo, canto levan traballando en Marcelle? Esther fai xa 16 anos aquí e Óscar leva dous. Recorda ela que despois da pandemia houbo un impactante boom de turismo nacional e que había todo tipo de acentos de dentro da península. "Hai visitas durante todo o ano, pero competimos coa praia e co tempo, se chove non hai demasiada afluencia e se fai moito sol, pois optan pola praia", comenta a conservadora.
A HISTORIA DUNS OSOS PARDOS, NAI E FILLO
Explican que no público segue habendo estereotipo no concepto de zoolóxico e que se cómpre coa función de conservación da biodiversidade. Porén, hai moita xente que non vén porque realmente non coñecen a función de rescate, conciben os "zoos como cárceres" e isto está lonxe dese concepto e pouco a pouco se vai educando. "Estes animáis foron rescatados, foron criados en cautividade e, polo tanto non poden liberarse en vida salvaxe en liberdade, porque non sobrevivirían. Os programa de conservación de especies en perigo de extinción teñen a finalidade de que eles ou os seus descedentes vivan en vida salvaxe", explica Óscar.
Vemos desde o alto como van saíndo dous osos pardos, nai e fillo. Veñen dun centro que se dedicaba ao rescate nos anos 80 e os resultados de probas xenéticas amosaron que son mestura de oso pardo cantábrico con oso pardo xaponés. Desafortunadamente, no zoolóxico non que estaban non eran ben tratados e agora xa pasados tres anos en Marcelle comezan a comportarse de xeito natural. Xusto en fronte podemos ver aos linces que agardan pola cea pacientemente e ao lado, xa agochados aos zorros. Contan que son zorros común, unha parella, pero destacan pola pelaxe de cor branca, xa que proveñen de mascotismo e peletería. "Foron seleccionados para ter unha pelaxe distinta á natural", expón o biólogo.
AS SORPRESAS DA RESERVA NATURAL
Despois de ver parte da zona libre de Marcelle adentrámonos na Reserva natural nunha contorna especialmente fermosa e con moitas sorpresas e especies por ver. Este percorrido precisa dunha guía xa que un se vai atopando cos animáis en semiliberdade. Vemos como diversos ualabíes andan saltando dun lado para outro. Noutra estancia vemos buitres leonados, unha especie autóctona rescatada por lesións irrecuperables en tendidos de altovoltaxe que implica non poder vivir na natureza. Na reserva tamén se pode ver o lobo ibérico, muflones e os axis, "o cervo máis bonito do mundo calificado así polo seu punteado branco". Merece a pena velos a pouca distancia, aínda que estaban asustados polo trote dos ualabíes. Óscar e Esher chaman por "Pretty" e comentan que conservan o punteado branco toda a súa vida e que naceron en cautividade, non veñen do seu hábitat natural.
No parque hai un total de 280 animáis de 51 especies distintas á espera da incorporación de 11 especies máis, de 11 tarántulas distintas. Esther destaca que o compromiso é que manteñas o animal de por vida e non reproduzas, xa que non ten que aumentar a poboación en cautividade, senón seguir tendo posibildade de rescate. Así, conta que Marcelle, orixinalmente, era un zooloxico como todos, antigamente, sen un sentido de conservación extricto, pero agora, dende fai anos, "é un centro realmente útil para a conservación". Despois deste 'breve' percorrido, anímaste a descubrir o resto de historias?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.