Besteiro reclama un financiamento singular para Galicia

Besteiro destaca as características únicas de Galicia tras o pacto entre ERC e os socialistas cataláns para a investidura de Salvador Illa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2024 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este martes un "financiamento singular" para Galicia debido á idade media e á dispersión da poboación. Así o sinalou ante os medios de comunicación tras ser preguntado polo pacto entre ERC e os socialistas cataláns co obxectivo de investir a Salvador Illa como presidente da Generalitat, que recollería a saída de Cataluña do réxime común de financiamento autonómico.

Respecto diso, dixo que ten que coñecer ese acordo, pero que os socialistas galegos tamén perseguen un financiamento "singular" polas carácterísticas da Comunidade. "A situación de Galicia require que teñamos un financiamento singular por moitas cuestións, como a poboación envellecida ou a dispersión poboacional", indicou tras reunirse en Vigo con representantes da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos, Anfaco-Cecopesca.

Sobre o acordo alcanzado polos socialistas cataláns con ERC para a investidura Illa tamén se pronunciou a viceportavoz parlamentaria dos socialistas galegos Lara Méndez, nunha rolda de prensa na Cámara galega. Aínda que considerou necesario coñecer o detalle do acordo para pronunciase, si aproveitou para censurar a "dobre vara de medir" do PP ao asegurar que en 2012, en pleno procés, "aseguraba que as autonomías podían ter un financiamento singular". "O propio Feijóo no ano 2016 falaba de que a parecía razoable ese financiamento singular", afirmou a exalcaldesa de Lugo, que acusou ao PP de "antepor, unha vez máis, os intereses do seu partido ante os intereses xerais".

Así mesmo, puxo en valor que Galicia recibiu co Goberno de Pedro Sánchez "15.000 millóns de euros máis que co goberno de Rajoy e en menos tempo". Ademais, destacou que o Galicia vaia a obter 10.262 millóns de euros das entregas a conta, a maior cantidade da historia. "Os socialistas defendemos, defendemos e seguiremos defendendo para Galicia un mellor financiamento que se adopte ás singularidades da nosa terra", afirmou para asegurar que se trata dunha "máxima" que ten o PSdeG para Galicia, que seguirá reivindicando.

Besteiro este martes en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Besteiro este martes en Vigo.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta