Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 11/08/2024 | Actualizada ás 10:00
Os 'mercadillos' de rúa, ao igual que os festivais, están cada vez máis de moda en Galicia. E, se hai un que marca o comezo oficial do verán, ese é o de Portonovo, cuxas casetas fixas se manteñen abertas dende finais do mes de xuño ata o 1 de setembro. A pesares de que a vila pontevedresa conta con este mercado todos os anos, este chegou cunha importante novidade que está a facer as delicias de veciños e visitantes: a remodelación íntegra das súas 80 casetas, para darlle unha estética mariñeira que trate de recuperar o pasado vinculado ao oficio do mar da zona. Dende o Galicia Confidencial visitamos en primeira persoa o paseo no que se instalan as casetas para contarvos se paga a pena visitalo. Xa vos adiantamos que a resposta é si.
Nada máis chegar a Portonovo xa é o primeiro que chama poderosamente a atención. Varias ducias de casetas de cor branca e azul se distribúen ao longo de varios metros do paseo marítimo como se de auténticas casiñas mariñeiras se tratase. Intercaladas entre elas elévanse varias casas recubertas do que semella ser imitación de pedra a tamaño real: 9 metros de longo por 4 de fondo e 4 de alto, con soportais e balcóns incorporados. Resultan unha fantasía, pois son tan realistas que a máis de un lle dan ganas de subir ao seu balcón, no que locen varios aparellos de pesca decorativos. Nunca antes se tiñan visto construcións deste tipo noutros 'mercadillos' galegos. Si semellantes ás demais casetas, pois teñen un estilo como o que se usa no mercado de Nadal de Vigo ou de Ourense, pero non como estas recubertas de 'pedra'.
Ademais, varios postes de madeira suxeitan unha cobertura aérea composta por redes de pesca que contribúen a darlle un estilo aínda máis marítimo á zona, das que tamén penduran varias tiras de luces que iluminan o mercado durante as calorosas noites de verán, pois estes postos mantéñense abertos ata altas horas. Do outro lado da rúa tamén se ubican a modo decorativo varios barquiños de madeira dos que usaban os antigos mariñeiros da vila, restaurados, e aparellos de pesca nos que os transeúntes se deteñen para observar ou intuír o seu funcionamento. Trátase, sen dúbida, dun bo xeito de achegar o oficio e a curiosidade polo mesmo a xente que nada ten que ver co mar. Dende nasas ata redes pasando por gaiolas para capturar o polbo, todos estes aparellos forman parte tamén do 'mercadillo'.
E, por se fose pouco, unha exposición de fotografías da asociación Ollares de Portonovo aporta aínda maior valor engadido á zona de compras, pois recolle varias fotos antigas da vila mariñeira, para observar como realmente se vivía hai cousa dun século en Portonovo, antes da súa masificación turística. En branco e negro e coa calidade propia da época, resultan case hipnóticas para moitos, que non entenden como duns anos a esta parte, en moi pouco tempo, rematou por facerse do que era unha vila mariñeira como calquera outra en Galicia, un auténtico parque temático do turismo, onde a maior parte da poboación deixou de vivir do mar para adicarse precisamente ao sector servizos, en gran medida á hostalaría.
Que se pode atopar neste 'mercadillo' á venda? Pois practicamente de todo, e nada moi diferente ao que tamén se pode atopar noutros mercados que van rotando pola comunidade galega ao longo do ano: roupa de estética 'boho', accesorios de prata e aceiro inoxidable, xogos de madeira para os máis pequenos, bolsos de coiro, lámpadas feitas con minerais, tatuaxes de hena, libros de ocasión e ata carteis para poñer o nome da túa mascota. O importante non é tanto o que se vende senón como se vende, pois cada casetiña está coidadosamente deseñada para captar a atención do visitante. Se te atopas este verán pola zona das Rías Baixas ou preto de Sanxenxo, recomendámosche que te deas un paseo por este mercado, pois aínda que non merques nada, de seguro que che sorprenderá esteticamente.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Santiago levantará parcialmente a suspensión de licenzas para permitir que os baixos comerciais se convertan en vivendas
- Cae outro fornecedor de drogas en Chapela
- Queda atrapada no interior do seu coche envorcado en Montederramo
- Galicia segue loitando por unha proba de acceso á universidade "homoxénea" e procurará "o aval" da CRUE
- Logran trucar máquinas de apostas para facerse con máis de 100.000 euros en Vigo e Fornelos de Montes
- Denunciado o condutor dun camión que quedou atrancado nun túnel da Coruña