Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2024 | Actualizada ás 10:35
A xunta de goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia manifestou o seu rexeitamento ao anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital aprobado este luns polo Consello da Xunta ao considerar que "aumenta o control sobre os medios públicos" e "elimina conquistas" como a elección por maioría cualificada da dirección xeral.
Nunha nota de prensa, a entidade criticou que "lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos", o texto sometido a exposición pública "significa un retroceso moi preocupante, un menosprezo á profesión xornalística e o incumprimento das directrices do Regulamento Europeo de Liberdade de Medios".
Así, avanzou que trasladará ao Goberno galego a súa visión sobre aspectos do anteproxecto que non considera "aceptables". Entre eles, explica que se eliminan "algunhas das claves de bóveda introducidas na Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia".
Neste sentido, recoñeceu que aínda que "levaban máis dunha década sen ser implementadas", non son "o persoal dos medios nin o conxunto da sociedade quen deben pagar a falta de vontade dos responsables políticos para polas en marcha". Ademais, insistiu en que a elección da dirección xeral co maior consenso posible é "esencial". Así mesmo, expuxo que no anteproxecto elimínanse outros aspectos "de relevancia para o xornalismo, como son o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos".
En definitiva, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ve con "profunda preocupación" este anteproxecto de lei no que, lamentou, "non se atenderon as principais consideracións" que manifestaron no proceso de consulta previa.
Por todo iso, instou ao Executivo galego a substituír este anteproxecto de lei por un que "garanta a independencia dos medios públicos, en lugar de reverter os avances conseguidos nestas décadas, e á sociedade galega a oporse con contundencia a unha norma que só pode redundar na deterioración da calidade democrática".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.