Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 17/08/2024 | Actualizada ás 14:00
Aínda que en Galicia hai numerosas praias, para calquera que visitase unhas cantas é sobradamente coñecida unha realidade: non todas son iguais, nin moito menos, gardando numerosas diferenzas entre elas aínda que se atopen ben preto. Area máis fina ou máis grosa, máis branca ou máis escura, augas tranquilas ou con ondada... Cada areal é un mundo e dende o Galicia Confidencial seguimos invitándovos a descubrir algúns dos máis fermosos que temos na nosa terra para facer do voso verán unha experiencia máis amena. Hoxe imos falarvos da praia de Carragueiros, no concello de Boiro.
Cando pensas nun lugar no que tomar o sol pretiño do mar e idealizas a estampa na túa mente de seguro que estás imaxinando algo semellante ao que ofrece Carragueiros. Esta fermosa praia é a preferida de moitos veciños da comarca e arredores para pasar os seus veráns pola calidade das súas augas. Trátase dun espazo case libre de algas no que os máis pequenos poden desfrutar bañándose pegadiños á liña de costa, pois non hai que adentrarse moito no mar para poder nadar, xa que rapidamente cubre. A cor cristalina da auga tamén permite ver en todo momento o que se está pisando, observando o fondo mariño con claridade.
Outra das características que fai moi apetecible este areal é a súa area: grosa, como se se tratase de pedriñas pequechiñas, pero que non fan dano ao pisar, sendo moi sinxelas de limpar unha vez se marcha para a casa; e de cor dourada, moi característica, pois non se trata dunha area moi branca como a que hai noutras praias que gozan de area máis fina, nin tampouco moi escura. Ademais, hai que destacar que este areal é bastante grande, dispoñendo de case un quilómetro de lonxitude, a pesares de ser relativamente estreito, cuns 20 metros dende que comeza a area ata que se chega á auga.
Durante o verán goza de alta ocupación, polo que dispón de todos os servizos precisos para facer a estancia do visitante máis cómoda. Entre eles, un que chama poderosamente a atención polo pouco habitual que é velo nunha praia: muletas ao servizo da xente con mobilidade reducida. E cada ano adoita recibir a bandeira azul pola boa limpeza e a sinalización da calidade das súas augas, así como polo servizo de socorrismo e vixilancia do que dispón. Tamén conta con aparcadoiros próximos nos que se consigue un lugar para aparcar con relativa facilidade.
PROXIMIDADE Á ILLA DE BENSA: UNHA DAS POUCAS SEN ACCESO RESTRINXIDO
Así mesmo, só unha pequena liña de pedras separa este areal da praia da Retorta. Xunto a esas pedras que actúan como límite, localízanse os illotes coñecidos como Os Baos, 'o de dentro' e 'o de fóra', que se manteñen unidos á terra mediante un pequeno tómbolo. Os períodos de baixamar facilitan o acceso a estas rochas que branquean a area. Mención aparte é precisa para outra das illas situada fronte á praia, que está máis en alta mar e que tamén conta cun maior tamaño: a illa de Bensa. Para chegar a ela é preciso nadar durante un tramo máis longo ou facelo directamente en barco. Cómpre sinalar que esta illa non ten o acceso restrinxido como si acontece con outras do litoral galego e conta cunha boa praia na cara oeste.
E unha das cousas que primeiro chama a atención dos visitantes é unha grande estatua. Coñecida como a buguina de Argüelles (o seu autor), é unha impoñente figura duns dous metros realizada en bronce patinado que reproduce unha enorme man sostendo unha buguina e que preside o comezo da senda peatonal dende finais do pasado século. Non hai persoa que non se quede mirándoa preguntándose por que estará alí, na entrada ao paseo marítimo. Paseo conformado por unha pasarela de madeira que une a praia de Carragueiros coa lagoa homónima, un lugar de gran riqueza natural no que se poden observar moitos tipos diferentes de aves e vexetación.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Santiago levantará parcialmente a suspensión de licenzas para permitir que os baixos comerciais se convertan en vivendas
- Cae outro fornecedor de drogas en Chapela
- Queda atrapada no interior do seu coche envorcado en Montederramo
- Galicia segue loitando por unha proba de acceso á universidade "homoxénea" e procurará "o aval" da CRUE
- Logran trucar máquinas de apostas para facerse con máis de 100.000 euros en Vigo e Fornelos de Montes
- Denunciado o condutor dun camión que quedou atrancado nun túnel da Coruña