O novo curso escolar comezará co incremento de prazas docentes en Galicia

A Consellería de Educación cubre 7.037 postos, 90 máis que en 2023, mediante o CDAP.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2024 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional resolveu a adxudicación definitiva de 7.037 prazas docentes para o próximo curso 2024-25 a través do Concurso de adxudicación destinos provisionais (CDAP), polo que estes profesores incorporaranse ás aulas o próximo mes de setembro. Tal e como destacou a Xunta, estas prazas supoñen 90 máis que as asignadas por este procedemento o ano pasado.

Neste sentido, a Consellería subliñou que esta adxudicación é unha das vías, pero non a única, de dotación do profesorado nos centros educativos para a volta do verán, xa que nela non está incluído todo o profesorado co que van contar os centros o próximo curso, senón unicamente as prazas afectadas por este concurso.

Precisamente, xa que se trata dun proceso que non pecha ata setembro, nestes momentos a Consellería traballa na valoración das necesidades centro a centro e aula a aula e a dotación do profesorado necesario, atendendo ao recolleito no Acordo de mellora do sistema educativo galego.

PRAZAS CUBERTAS NAS OPOSICIÓNS

Dentro das prazas asignadas no Concurso de destinos provisionais publicadas este venres atópanse os 1.234 profesores en prácticas que superaron as oposicións celebradas este verán, na que se ofertaron un total de 1.406 prazas na quenda libre.

Así, detallou a Xunta, foron cubertas case o 88% das prazas convocadas. Ademais destes docentes que superaron as oposicións e que ingresan no sistema educativo como profesores en prácticas, tamén foron adxudicadas en comisión de servizos as prazas cuxos titulares teñen concedida unha comisión de servizos por saúde ou por conciliación ou as de persoal interino e substituto que nestes momentos están vacantes, entre outras.

O Conselleiro De Educación, Ciencia, Universidades E FP, Román Rodríguez, Visita As Sedes Das Oposicións De Educación. XUNTA
O Conselleiro De Educación, Ciencia, Universidades E FP, Román Rodríguez, Visita As Sedes Das Oposicións De Educación. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta