Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2024 | Actualizada ás 18:35
O BNG rexistrou no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta que "rectifique e repoña" o complemento autonómico do bono social térmico, xa que, segundo denuncian os nacionalistas, "aínda son miles as familias que sofren en Galicia carencia material severa e non poden facer fronte á factura da luz ou o gas nun contexto marcado pola subida xeneralizada de prezos".
"A loita contra a pobreza enerxética non pode ser unha cuestión arbitraria, e por iso esiximos á Xunta do PP un compromiso firme e decidido nesta materia", explicou o deputado Xosé Manuel Golpe, autor das iniciativas rexistradas.
Segundo trasladou o BNG, a iniciativa explica que desde os últimos días do pasado mes de xullo as persoas beneficiarias do bono social "están a recibir cartas correspondentes ao bono térmico nas que se constata que o Goberno reduce as achegas por tipo de consumidor e que a Xunta non achega ningunha cantidade en concepto do complemento autonómico". Así mesmo, o deputado nacionalista subliñou que, segundo os datos do Ministerio de Transición Ecolóxica, entre decembro de 2022 e o mesmo mes de 2023, os beneficiarios deste bono incrementáronse en máis de 9.000, superando a cifra dos 93.600 fogares.
Nesta liña, destacou que os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), do 2022, apuntan que máis de 50.800 fogares galegos sofren carencia material severa. "A evolución deste dato é máis que preocupante", afirmou Xosé Manuel Golpe, aludindo a un incremento do 14,36% rexistrado desde 2020. Ademais de recuperar o complemento autonómico do bono, o BNG esixe nas súas iniciativas incrementar as cantidades para "amortizar os efectos negativos da diminución da achega estatal" e reducir os prazos de tramitación destas axudas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.