(Crónica) O concerto máis emotivo de toda a xira de Aitana tivo lugar este sábado en Vigo, con bágoas incluídas

A case 10.000 euros o minuto de actuación, a artista catalana non defraudou e fixo vibrar ao público entregado de Castrelos.

Por Ángela Precedo | VIGO | 04/08/2024 | Actualizada ás 02:33

Comparte esta noticia

Despois de quince datas de concertos dende o pasado 29 de marzo, a xira Alpha Tour de Aitana puxo fin este sábado no auditorio de Castrelos, en Vigo, a única data gratuíta para o público de todo o listado de cidades (anteriormente estivera xa en Galicia no festival Portamérica e no Morriña Fest). E tamén, como dixo a propia Aitana ao longo da noite, o concerto máis emotivo e no que se sentiu máis arroupada polo público de toda a xira, asegurando que foron os galegos os que máis cariño lle demostraron. O que podería semellar ser algo dito só por quedar ben, confirmábase como verdade ante as lágrimas que a catalana arroxou durante algún dos seus temas, sen poder conter máis a emoción vendo centos de lanternas de móbiles que a iluminaban e as ducias de carteis que lle adicaban amorosas palabras.

Aitana en Castrelos
Aitana en Castrelos | Fonte: GC

O concerto ao completo durou algo menos de hora e media, e a pesares de que cobrou case 10.000 euros por minuto de actuación, tendo en conta que o custe total para as arcas do concello vigués ascendeu a 790.000 euros, non defradou a practicamente ningún dos asistentes. De maneira fluída e ben fiada Aitana interpretou un por un os 15 temas que forman parte do seu terceiro álbum, 'Alpha', así como algún dos seus 'hits' máis coñecidos, como 'Las Babys' ou 'Mon Amour' (con Zzoilo). Durante esa case hora e media a xente non parou de cantar, bailar e aplaudir, convertindo Castrelos nunha auténtica festa.

Hai que ter en conta que o fenómeno Aitana esperta paixóns aló por onde pasa, e en Vigo non foi diferente. Houbo grupos de mozas que ata pasaron tres días durmindo e comendo fronte á porta do foso para acceder as primeiras e poder estar o máis preto posible da súa artista favorita, e tamén houbo xente que fixo longas colas para poder mercar as entradas que daban acceso á parte máis próxima ao escenario. Para todos eles a artista tamén tivo palabras de agradecemento, asegurando que nos seus sete anos no mundo da música (non sempre doados, segundo confesou), nunca se sentira tan arroupada e a gusto nunha xira como nesta.

Tamén cómpra salientar que nas cancións adicadas á súa actual parella, o artista colombiano Sebastián Yatra, tamén se amosou visiblemente emocionada, algo que o público sabía e por iso respaldou con mans en alto e lanternas acesas. Ao igual que expuxo tamén o seu apoio a Aitana ante a polémica desatada nos medios de comunicación ao ver que unha das cancións do repertorio ('miamor') incluía unha posta en escena á que consideraban como 'subida de ton', coa cantante botando enriba dun dos seus bailaríns. Na pantalla do escenario apareceron algúns dos titulares que os medios lle adicaron naquel momento, como un símbolo de que, dixesen o que dixesen, non ía cambiar o seu 'show' polo que dirán. Algo que o público aplaudiu. 

A noite de onte en Vigo foi máxica, como xa adiantaba minutos antes de que saltase ao escenario Aitana o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, que aseguraba tamén que Aitana xa estaba desexando volver máis veces a Vigo e que a levara á cidade en resposta ás múltiples peticións da xente. Tamén quixo ensalzar os seus valores e puxo en valor a súa gran voz e destreza musical para cantar, bailar e ata tocar instrumentos. Para rematar co seu característico 'Viva Vigo!', coreado por todos os asistentes en Castrelos, e non sen antes lembrarlles que 'Quérovos, quérovos, quérovos!'. Sen dúbida, Caballero tamén se convertiu en todo un 'showman' e un reclamo para os concertos de Castrelos. 

Aitana en Castrelos
Aitana en Castrelos | Fonte: GC

Aitana en Castrelos
Aitana en Castrelos | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta