Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Sabes o que é o 'breakdande'? De seguro que che soa e que estás farto de velo en múltiples eventos, pero igual non o asocias á palabra como tal. Trátase dunha disciplina deportiva, xa recoñecida como tal, que cada vez gaña máis presenza en Galicia, onde gozamos dalgúns dos maiores talentos a nivel nacional e onde as novas xeracións veñen pisando forte. Este ano o 'break' xa está presente nos Xogos Olímpicos de París e o obxectivo do Goberno galego é que os mozos que se están preparando nestes momentos en Galicia poidan chegar a competir nos Xogos de Dakar 2026. Dende o Galicia Confidencial entrevistamos ao organizador da Liga Xunta de Galicia de Break, Pablo Castiñeiras, do colectivo de cultura urbana Vella Escola, que nos ensina un pouco máis as bases deste deporte e nos achega á súa historia.
Castiñeiras asegura que o 'break' tivo varias etapas e tamén momentos nos que estivo máis ou menos de moda. En concreto, foi nos anos 80 cando chegou a España e, algo máis tarde, a Galicia. Con todo, apunta que "aquel 'breakdance' que os máis maiores coñecemos era moi diferente ao actual". En que senso? Pois, por exemplo, "antes bailábase moito de pé, imitando os movementos dun robot", algo que logo foi derivando máis cara o hip-hop e outras disciplinas. Mentres, na actualidade, trátase dunha "danza moito máis acrobática, que conta co seu propio regulamento e cunha rede de competición". Concretamente, Castiñeiras apunta ao ano 1983, aproximadamente, como "o ano de comezo deste baile en Galicia", todo apoiado na estrea de filmes como 'Big Street' e outras que proxectaron o 'break' na gran pantalla do cine e permitiron aos novos ter as súas primeiras referencias.
Pero eses primeiros novos que se sumaron ao movemento non eran precisamente españois nin galegos, senón norteamericanos. É por iso que o 'break', en España, "comeza a bailarse precisamente nas bases militares, que é onde residían os americanos que viñan co exército e que, nos seus días libres, saían bailar polas discotecas da zona de Madrid, como por exemplo Stones, en Torrejón de Ardoz". Ao velos, Castiñeiras explica que "á xente picáballes a curiosidade e comezou a imitalos, mesturándonos máis con esa cultura". Naquela época de comezos dos anos 80, "en Galicia aínda non estaba tan presente a cultura do 'break' como nas grandes cidades de Madrid ou Barcelona, porque naquel tempo a nosa comunidade era moito menos turística e non recibía tantas influencias daquela práctica". Aínda con todo, afirma que "temos referencias de que posiblemente de cara ao ano 1982 xa había xente bailando 'break' pola zona de Lugo, que é onde comeza en Galicia todo este movemento".
Quen diría que máis de 40 anos despois o 'breakdance' íase atopar no seu dourado momento actual? A día de hoxe, como afirma Castiñeiras, "xa hai escolas que ensinan 'break' e os rapaces non teñen que aprender de xeito autodidacta como tiñamos que facer nós, aínda que o 'break' segue a ser, eminentemente, unha disciplina que se aprende estando en contacto directo con outras persoas que o practican, entrenando con máis xente, vendo vídeos de como fan os demais e mesmo a través da explotación da creatividade que cada un ten internamente". Pero ben é certo que ter escolas nas que ensinar aos máis novos axuda a internacionalizar o deporte, e moito, porque é precisamente na contorna das escolas onde xorden circuítos como o da Liga de Break da Xunta de Galicia, que "pretende darlle unha saída a ese público que busca algo diferente aos deportes clásicos".
A LIGA DE BREAK XA CONTA CON 9 COMPETICIÓNS ESPALLADAS POR GALICIA
A Liga de Break permítelles ter un mínimo de percorrido en eventos ao longo de toda Galicia. Como explica Castiñeiras, "neste ano contamos con 9 competicións espalladas por toda Galicia para que a rapazada poida ter un punto de encontro estea onde estea, ao igual que acontece noutros deportes maioritarios como poden ser o fútbol ou o baloncesto, nos que os rapaces viaxan a diferentes lugares facendo partidos". Coa Liga, "o que buscabamos era promover ese deporte que tamén é o 'break' cunha base e habilitar espazos para a súa práctica segura, nos que os practicantes conten con seguros, ambulancias e todo o que se require tamén para calquera outro tipo de competición deportiva". Aínda que, por suposto, "o 'break' tamén ten esa parte autodidacta tanto na aprendizaxe como na organización dos eventos, pois as promotoras, ata o de agora, sempre foron grupos de rapaces ou rapazas ou pequenas asociacións que sacaron adiante a disciplina". Agora entrouse nunha fase de maior profesionalización, ata o punto de que está considerado deporte olímpico, pero a outra parte tamén segue existinto, e ambas conviven.
En concreto, a Liga de Break da Xunta de Galicia xurdiu no 2021, o ano posterior á pandemia da covid, cando había moita menos programación de actividades, o que supuxo unha oportunidade para poder organizar este circuíto de competición con éxito. Agora, neste 2024, xa van pola cuarta edición e Castiñeiras alégrase de "poder facer coincidir esta Liga coa estrea do 'break' esta mesma semana nos Xogos Olímpicos de París, con participación tanto masculina como feminina, por parte dos 16 mellores 'breakers' do mundo". Asegura que "para nós é un soño en certa maneira, porque esa exposición abre cancelas para que a disciplina esperte interese en todo o mundo, e para que todos os pais e nais de familia entendan que esta actividade é para os seus nenos unha proposta máis das moitas que hai dentro do ámbito deportivo". Neste senso, pon en valor todo o positivo que aporta: dende o traballo corporal, a mellora da autoestima, o fortalecemento físico, a estimulación da creatividade... Ademais, iniciativas como a Liga permiten garantir un relevo xeracional.
O TALENTO GALEGO: DE DAVID AMOR A ALICIA BABARRO, O FUTURO DO 'BREAK'
Ao respecto, Castiñeiras asegura que "nestes catro anos hai moitos rapaces e rapazas que xa viñan dende atrás participando nos eventos que promovíamos antes da creación da Liga, en Vella Escola, e que agora están no máis alto". Entre eles, apunta ao caso de David Amor, que chegou a ser campión de España na súa categoría; ou Alicia Babarro, coñecida como Mini Ali, que tamén chegou a ser campiona de España na súa categoría. "Falamos de novas xeracións, de rapaces menores de idade, na súa maioría, que os estamos enfocando cara o futuro, para poder garantir nos vindeiros anos unha xeracións de 'breakers', tanto con homes como con mulleres, que releve aos que xa temos 40 anos e que vimos dunha realidade moi diferente", explica Castiñeiras, que apunta a que "a nós moitas veces nos teñen faltado espazos para adestrar, seguros e referentes". Ademais, aínda que por cuestión de moda houbo un tempo no que en Galicia chegou a haber medio centro de practicantes desta disciplina con certo nivel, "toda esa rapazada da nosa xeración cando marchaba logo a estudar a Barcelona ou a Madrid perdíase". Coa Liga preténdese que xa non haxa ese parón nin ese baleiro e que a cultura do 'break' poida estar presente de xeito continuado en Galicia.
Sobre todo tendo en conta a calidade que hai na nosa terra, onde tamén destaca o aumento do número de mulleres. "A nivel nacional Galicia é un auténtico referente, pois somos a comunidade con máis eventos de 'break' a nivel España e tamén a que conta con maior participación feminina, con dous campións de España a nivel federativo e moita xente integrada na Liga con funcións de xurado, DJ e outro tipo de perfís que tamén están agora presentes no ámbito do deporte olímpico", confesa, cheo de ledicia, Castiñeiras. De feito, o xurado das competicións que se disputan dentro da Liga adoita estar formado precisamente por xente que leva 20 ou 30 anos bailando 'break' e á que se forma para que poidan xulgar as batallas. Neste senso, considera que "estamos facendo un 'update', é dicir, unha actualización para facer que Galicia estea presente a nivel 'breaking' en todo o mundo".
DENDE A ORGANIZACIÓN XA TEMOS OS OLLOS POSTOS NOS XOGOS DE DAKAR
E é que dende a organización da Liga xa teñen os ollos postos nos Xogos de Dakar de 2026. "Aí é onde queremos meter ás novas xeracións a competir, e onde cremos que podemos ter algunha posibilidade, porque ben é certo que París nos pillou un pouco cedo, os novos son aínda moi novos e os maiores, a miña xeración, non está nin de lonxe ao nivel que teñen os 'breakers' que van competir nese campionato do mundo", confesa Castiñeiras. Aínda que tamén apunta a que "estivo a piques de entrar no listado de representantes un español, un cordobés, que ao final se quedou ás portas, porque ao final se trataba dunha persoa de 38 anos fronte aos perfís habituais de competidores actuais que teñen entre os dezaseis e os vinte e poucos anos. "Estamos apostando moi forte polas novas xeracións e confiamos nelas de cara ao futuro", reivindica Castiñeiras.
De feito, para todos eses pais que ben como competición tras competicións os seus pequeniños se senten abraiados pola disciplina, Castiñeiras anímaos a que os incorporen, porque "aínda que o 'break' forma parte desa serie de disciplinas que cando a ves a alto nivel asusta, como acontece co 'skate', pensando que tes que entrar xa sabendo facer acrobacias, non é así, porque para facer 'break' non precisas nada máis que poñer música, tirarte no chan e tentar moverte ao ritmo da música de xeito creativo, metendo se queres ou se xa estás máis familiarizado coa disciplina as acrobacias". "Nós sempre intentamos evitar ese fenómeno de parálise por análise, é dicir, ese pensamento que pode ter a xente de que se non controla un pouco do tema xa non se anima a entrar nel", afirma Castiñeiras. De feito, explica que "este tipo de danza ten raíces africanas, procedente dos zulús, polo que é moi intuitiva, porque calquera persoa aprende antes a bailar que a darlle patadas a unha pelota ou a cantar".
PIDE AOS PAIS QUE SE ANIMEN A METER AOS SEUS FILLOS NO 'BREAK' PORQUE "AXUDA Á MOBILIDADE, A SOCIALIZAR E A DESENVOLVER A CREATIVIDADE"
Así as cousas, fai un chamamento a que os pais "se animen a meter aos seus fillos no 'break' se vén que lles gusta, por pequeniños que sexan, porque é unha actividade deportiva que motrizmente lles vai dar tamén moitas vantaxas á hora de moverse, lles vai axudar a socializar e lles vai permitir desenvolver a súa creatividade". E é que "nesta disciplina non hai un catálogo de movementos", aínda que recoñece que si que se foron instalando algúns comúns "como parte desa evolución deste baile", como poden ser os muíños, os xiros coa cabeza... movementos típicos deste estilo de baile que ao mesmo tempo se mesturan con outros copiados da capoeira ou da ximnasia rítmica. Pois, como apunta Castiñeiras, "hai que ter en conta que esta é unha disciplina que xorde a finais dos 70, co cal ten moita influencia tamén das artes marciais, do kun fu...". Ao final o ano pasado foi o 50 aniversario do 'breakdance' e, nestes 50 anos, evolucionou moito, sendo agora máis sinxelo identificalo con características propias que permiten diferencialo doutros bailes como o hip-hop, que parten de raíces comúns.
Entre os pasos característicos do 'breakdance', Castiñeiras nomea principalmente os movementos cíclicos, todos os xiros que se fan coa cabeza ou no aire, con saltos. Tamén estarían as posicións máis estáticas, onde se move o corpo. E, para pasar duns movementos a outros, habería que incluír as transicións, que se poden facer deslizándose polo chan ocupando todo o espazo ou ben dando saltiños coas mans mentres se mantén o corpo suspendido no aire. "Hai moitísimos recursos que nos axudan a poñer eses nexos de unión entre un movemento e outro ata que temos toda a rutina creada, unha rutina que se pretende que non se vexa como unha consecución de elementos, senón como un movemento continuado que vai variando, sen que se noten moito as transicións", explica Castiñeiras.
CADA 'BREAKER' PROFESIONAL TEN OS SEUS MOVEMENTOS 'SIGNATURE', OS QUE "PERMITEN QUE O RECOÑEZAN ALÓ POR ONDE VAI"
Ao mesmo tempo, "tes que conseguir encaixar eses movementos dentro da música, e iso é o máis complicado, sobre todo nas competicións, onde o DJ che vai cambiando de música sen ti saber previamente a combinación e tes que ir improvisando sobre a marcha". Ademais, cada 'breaker' profesional ten tamén os seus movementos sinatura, coñecidos como 'signatures', que son os que "permiten que che recoñezan en calquera sala do mundo, porque son únicos, só os fas ti". De feito, estes movementos son os que máis valora o xurado nas competicións, porque son os que fan único e irrepetible o espectáculo. A día de hoxe, e fóra do ámbito competitivo, tamén hai 'breakers' que se adican ao mundo artístico presentes no Circo do Sol, en musicais e outro tipo de 'shows', pois "ao final iso é o que lles permite comer e ter un salario", sumado a aqueles que dan clases. Por iso, para Castiñeiras tamén sería fundamental conseguir que a disciplina se profesionalizase máis de cara ao futuro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.