Ulloa Viva critica que a Xunta dea "pautas de xardinaría" para liquidar o impacto paisaxístico de Altri

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2024 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

A Plataforma Ulloa Viva criticou que o informe do Instituto de Estudos do Territorio vexa "considerable" o impacto paisaxístico da factoría que Altri quere instalar no municipio lucense de Palas de Rei e que, ante isto, "o informe limítese a dar seis pautas de xardinaría e pintura de camuflaxe" para liquidalo.

Nunha nota de prensa, a entidade mostrou a súa "sorpresa" tras ler en prensa que este informe recoñeza "o enorme impacto paisaxístico que a macrocelulosa de Altri tería na zona". "Ao contrario do que Altri leva meses dicindo, os técnicos falan das 366 hectáreas de terreo, a cheminea de 75 metros e as outras catro edificacións de entre 50 a 60 metros de alto cada unha", expón.

Así, a plataforma asegura que vive "con desgusto e indignación" o que considera "unha nova afronta da Xunta aos veciños das comarcas da Ulloa, O Deza, Terra de Melide e Arzúa" que, segundo apunta, "levan toda a semana a contagotas decatándose pola prensa do que os técnicos do Goberno galego opinan sobre o proxecto de Altri".

"Este é un exemplo máis dos malos tratos que a Xunta está a dar aos veciños afectados polo proxecto da macrocelulosa. Dous anos relacionándose cos afectados a través de titulares de prensa", reprocha. Por todo iso, volve demandar á Xunta que "deixen de usar as institucións públicas en beneficio de intereses empresariais" e que se trasladen ao territorio e expliquen "a tramitación", así como que "a Lagoa de Quintas e a súa biodiversidade non se van a ver afectadas estando a 250 metros dunha macrocelulosa". Así, a Plataforma advirte que "persistir nesta actitude cos veciños aumenta o rexeitamento social ao proxecto".

Miles de persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri en Palas de Rei /  Carlos Castro / Europa Press
Miles de persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri en Palas de Rei / Carlos Castro / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xanc

Palas de Rei: PP 60% votos. Na maioría dos concellos da ría de Arousa: PP máis do 40% (nalgúns máis do 50%). Disfruten lo votado. Pero claro, a culpa será da UPG ou de Perro Sanxe, ou de Puigdemont ou do Coletas ... En fin! Gran País, carallo de xente.