Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/08/2024 | Actualizada ás 15:37
A coordinadora da Comisión de Medio Ambiente do PPdeG, Marisol Díaz Mouteira, demandou este venres ao Executivo central a transferencia a Galicia "de maneira inmediata" dos fondos que o Goberno "debe" á Comunidade para "evitar novas discriminacións". "Reclamamos ao Goberno central a transferencia de maneira inmediata dos fondos para que sexan executados en prazo e non perdelos", sinalou Mouteira.
De tales transferencias, cualificadas desde o PPdeG como "urxentes", a Comisión de Medio Ambiente puxo o foco, de maneira especial, nos fondos relativos ao Perte de Dixitalización do ciclo da auga, do que a Galicia lle corresponden, denunciaron, "máis de dez millóns de euros", e cuxo prazo de execución conclúe "en xuño de 2026".
Noutras materias, indicou tamén a coordinadora da Comisión, a contía asignada a Galicia polo Goberno central "é escasa" ou "directamente non chega". "O crédito para as áreas de influencia socieconómica dos parques nacionais é de pouco máis de 100.000 euros e das axudas para previr e compensar os danos do lobo, o Goberno central non achegou nin un só euro en 2022 nin en 2023", sinalou Díaz Mouteira, para, acto seguido urxir ao Executivo a facer chegar ao Goberno galego os fondos destinados aos proxectos de dixitalización da xestión de residuos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.