Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2024 | Actualizada ás 17:58
As emisións de gases invernadoiro provocadas polo transporte subiron nas catro provincias galegas, segundo un estudo do Observatorio Galego de Acción Climática. Mentres, a provincia da Coruña lidera as emisións galegas de gases invernadoiro. Os datos están recollidos no informe 'As emisións provinciais de gases de efecto invernadoiro en Galicia 81990-2022', baseado nun inventario oficial de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
A provincia da Coruña concentra o 51,7% das emisións brutas de gases causantes de cambio climático en Galicia, "o que non só ten que ver co seu peso na poboación e no PIB galegos, senón tamén nas principais industrias enerxéticas fósiles", engade. Séguea Lugo co 20,9 por cento. Con todo en 2022 con respecto a 1990, as emisións reducíronse o 33 por cento en Galicia. "Esta baixada sustentouse na diminución á metade das emisións na provincia da Coruña, sobre todo a substitución do carbón na produción eléctrica".
Pola contra, as emisións creceron de forma importante en Ourense (12,5%) e en Pontevedra (16,5%). En Lugo, tamén se recortaron (-10,3%), "pero foi pola parada temporal de planta de aluminio de Alcoa San Cibrao". O transporte é o único sector onde subiron as emisións en todas as provincias entre 1990 e 2022, "o que case ocorreu tamén no caso das emisións de orixe non fósil da agricultura e a gandaría, onde só en Ourense non aumentaron senón que se estabilizaron".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.