Por Xurxo Salgado | Compostela | 13/12/2015 | Actualizada ás 09:00
Pilar Cancela é a número dous do PSdeG e muller de confianza de José Ramón Besteiro. Tamén é a número un do seu partido pola Coruña as vindeiras xerais. Un feito que a está a levar a percorrer toda a provincia e a tentar convencer a xente de que o proxecto socialista é de fiar a pesar do que din as enquisas.
“Hai ganas de darlle unha labazada electoral a eses que din que o PSOE non pinta nada”, suliña e insiste que só hai dúas opcións; a dereita de Mariano Rajoy ou o PSOE de Pedro Sánchez. Por iso, desbota que Podemos poda “pisarlle” voto e lembra que a na Coruña só gobernan en tres cidades nunha provincia na que o seu partido gañou máis alcaldías que en 2011. Sobre as enquisas, di que “admiten valoracións diferentes”. “Desde logo, estamos moito máis fortes do que se di por aí e hai oportunidade de cambio e ese cambio só é posible co PSOE”, indica.
Cancela tamén destaca a campaña que está a facer o líder do seu partido en Galicia, José Ramón Besteiro. “Está fantastico. Está que se sae. Con moita forza e ganas e pateando Galicia de arriba a abaixo”, apunta. En relación a súa imputación é contundente: “Como é algo inexistente e non existe nada pois esa imputación vai decaer e non nos preocupa en absoluto”, apunta.
Estás tendo unha campaña complicada, non?
Non o vexo así. Se lle facemos caso as enquisas a sensación é outra. Pero nós imos sempre a contracorrente e penso que venceremos ás enquisas. Nas municipais tamén dicían iso, que quedabamos como terceira forza, e ao final, pois duplicamos o número de concellos, gobernamos en tres deputacións e temos a presidencia da Fegamp. A nós as enquisas dános osíxeno e confianza. A xente xa sabe como o facemos, gobernamos concellos e institucións e a nosa mensaxe chega máis. Estamos tremendamente fortes e esperanzados. Tivemos este martes a Pedro e foi unha inxección moi importante para todos.
Estás segura de que ides ter bos resultados?
Totalmente segura.
Pero as enquisas danvos unha baixada brutal?
Non digo que se equivoquen, pero cando hai unha tan potente como a do CIS que sinala que a maioría dos enquisados di que se sinte afín ao PSOE pois xa di moito. Iso quere dicir que ese porcentaxe de indecisos está dubidando a quen votar e eses posibles votantes sexan nosos. Por iso estamos facendo moita rúa, porta a porta e actos moi cercanos a organizacións. Hai que mobilizar este voto de esquerda e hai un electorado de esquerda moi potente que está agardando iso. Por iso, insisto, temos que movernos o máximo posible porque só hai dúas opcións; a dereita de Mariano Rajoy ou o PSOE de Pedro Sánchez. Por iso o debate da semana que ven –entre Rajoy e Sánchez--é importante porque se encarnan esas dúas alternativas.
Describes unha situación que para nada se correspondeu ao que aconteceu nas municipais en moitas cidades, principalmente, nas da Coruña...
Pero só son esas tres cidades. Ten en conta que nós recuperamos moitos concellos que antes non tiñamos e temos a Deputación da Coruña. Nós recoñecemos un problema nesas cidades pero tamén temos claro que aumentamos no resto da provincia e gobernamos a deputación.
Cun pacto co BNG?
Pero o PP deixou moito máis polo camiño e por iso non goberna... Quen non é capaz de falar con ninguén pois pasa o que pasa e non goberna.
Con todo, tedes aí a Podemos pisándovos os talóns?
Non pisa en absoluto. Nós estamos a unha grande diferencia de Podemos. Na provincia da Coruña hai situación diferenciada que é gobernan en tres cidades porque nós quixemos que gobernaran nesas tres cidades. Pero non hai nada máis.
Pedro Sánchez falou estes días da “pinza” entre Podemos e Ciudadanos contra el. Unha teoría a que se sumou Besteiro... E iso?
Esa pinza existe e son todo o resto facéndolle oposición ao futuro presidente. As enquisas admiten valoracións diferentes. Desde logo, estamos moito máis fortes do que se di por aí e hai oportunidade de cambio e ese cambio só é posible co PSOE porque senón non haberá alternativa a ese pacto PP-Ciudadanos e que para Galicia sería nefasto.
Por que?
Porque Ciudadanos non cre no equilibrio territorial no Estado senón que insiste en que unhas autonomías teñen prevalencia máis que outras e fala claramente de Cataluña. Albert Rivera considera superfluas as infraestruturas galegas.
Feijóo falaba hai pouco dunha pinza a tres, Podemos-PSOE-Ciudadanos, para que non goberne o teu partido...
Non, non.. Neste momento o partido que está máis sendo atacado é o PSOE e o seu candidato, tanto desde a nova como a vella dereita e tamén a que se di en chamar nova esquerda.
E porque cres que a diana é Pedro Sánchez?
Porque é unha alternativa grande de cambio porque nestas eleccións só hai dous candidatos con posibilidades; Pedro Sánchez e Mariano Rajoy. Sánchez é o único que aglutina ás esquerdas e que pode chegar a ser o máis votado. Senón non nos atacarían, non cres?
Fálame agora das propostas que o PSOE ten para Galicia...
Hai unha dereita que leva gobernando Galicia sete anos e medio e tamén no Estado e tamén inflúe nas decisións da UE. E iso dá como resultado que en Galicia teñamos sectores estratéxicos que están sendo esnaquizados, como é o leite, a pesca ou o naval. E non existe ningunha proposta concreta para estes ou outros sectores prioritarios en Galicia.
E cal é a proposta do PSOE?
No sector naval, pois na comarca de Ferrolterra, cun gran taxa de paro e sen carga de traballo, apostar polo dique flotante e carga de traballo estable. Para o leite, pois unha interlocución directa con sectores afectados. Hai que escoitar ao sector e non establecer políticas ao marxe porque senón ao final pasa o que está acontecendo estes días. Por iso pedimos diálogo político. E logo está unha cuestión que é a principal preocupación para nós, que é o desemprego, cunha taxa do 18% e que obrigou, nos últimos anos, a que marcharan 100.000 mozos sen posibilidade de retorno. Por iso apostamos pola derrogación da reforma laboral e por un novo estatuto dos traballadores para devolverlle os dereitos que tiñan antes. Temos xente traballando por horas e días... Quen pode ter un proxecto de vida con condicións así?. Ninguén. E eses son os principais problemas.
E en infraestruturas?
Impulsar o Porto Exterior, a intermodal de Ferrol ou o dique flotante que son propostas do PP que non se cumpre. E o AVE, que tamén parece que deixou de ser unha prioridade para o PP. Nós, desde logo, comprometemonos a reivindicar os prazos destas obras para que non só aparezan en campañas electorais.
Como está levando o PSOE a campaña en Galicia?
Moi ben, con actos en todas as provincias e con moita ilusión. Tivemos o mitin máis grande con Pedro na Coruña
Houbo mobilización de xente por parte do partido?
O que hai é moita ilusión. Había moita forza por dicir que estabamos aquí e darlle unha labazada a eses que dicían que o PSOE non pinta nada. Por iso, quixemos demostrar que hai proxecto, un líder consolidade e un equipo consolidado e con renovación do partido, con Pedro en Madrid e Besteiro en Galicia. E iso foi o que aconteceu o martes, cunha aposta definitiva polas listas cremalleiras, con catro mulleres que encabezan as listas. Estamos tremendamente ilusionados e foi inxección de adrenalina.
E non tivo que ver o debate a catro que houbo o día anterior?
Non porque ese mitin xa estaba previsto de moito antes.
Pero viña cabreado porque o ataque a Podemos foi fulminante?
Non foi tan fulminante porque o que se viu no debate é un gran gañador, que foi Pedro Sánchez, unha que viña de suplente, outro de sobrado e a outro que se sabe perdedor.
E a Besteiro como o ves?
Fantástico e está que se sae. Con moita forza e ganas e pateando Galicia de arriba a abaixo. Non sei de onde saca o aguante que ten.
E aguantará o tema da imputación?
Como é algo inexistente e non existe nada pois esa imputación vai decaer e non nos preocupa en absoluto. El fixo público todo o seu patrimonio ante os medios e á xente porque hai unha xuíza que non o quixo escoitar. Todos a coñecen.
Pero se se mantén esa imputación hai risco de que non se poida presentar ás autonómicas, non?
Nós non facemos cábalas. El é unha persoa responsable co que fai e non prevemos outros escenarios posibles.
E xa para rematar, como ves a situación postelectoral en Galicia?
A nós non nos preocupan que xurdan outras forzas. É moi san para a democracia xa que cada un ten posibilidade de facer plantexamentos novos. A campaña estará marcada polo que se dá a nivel estatal e será moi disputada, pero nós estamos convencidos de que, partindo das municipais, nós imos seguir subindo e recuperando a confianza da cidadáns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.