Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2024 | Actualizada ás 18:20
A Mesa pola Normalización Lingüística rexeitou o anteproxecto de lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
Tamén insiste nas alegacións enviadas á Xunta, advertíndolle que calquera cambio lexislativo "debe garantir o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e debe dar perspectiva de país nos contidos informativos, educativos e de entretemento".
A Mesa súmase así ás propostas e consideracións emitidas tanto por entidades sociais como polas traballadoras e traballadores da propia CRTVG.
Faino, sostén, "para garantir estes aspectos nunhas radio e televisións públicas galegas exclusivamente ao servizo do pobo galego". "Isto inclúe necesariamente o protagonismo no proceso de normalización social, recuperación e rehabilitación da lingua galega", destaca.
"Moito máis", indica o presidente da entidade, Marcos Maceira, "nun contexto como o actual no que a oferta en galego no audiovisual é mínima: 0,92% nos servizos a petición e do 14% nos servizos lineais (correspondentes ás emisións da TVG), mentres no caso da programación infantil e xuvenil en galego as porcentaxes son de 1,1% no primeiro caso e 2,44% no segundo", remarca.
A Mesa critica que o anteproxecto non incida en aspectos "que si estaban na lei de creación da CRTVG, como o seu papel normalizador; que pase por alto as medidas contempladas no Plan xeral de Normalización do galego aprobado por unanimidade parlamentaria hai 20 anos ou que descarte desenvolver e adaptar a favor da lingua e cultura de Galicia a Lei xeral de comunicación audiovisual do Estado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.