Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2024 | Actualizada ás 16:14
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, enviou este venres unha mensaxe de "tranquilidade" aos gandeiros tras a aparición de novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Tras visitar unha explotación de vacún de carne no concello lucense de Quiroga, a conselleira dirixiuse aos medios para lanzar esa mensaxe e lembrar que Galicia foi a primeira comunidade que puxo en marcha as indemnizacións por mortes causadas pola EHE.
A este respecto, lembrou que xa se abonaron case 200.000 euros aos gandeiros que se viron afectados na campaña pasada por este motivo. "É unha axuda que segue aberta, que se pode solicitar e que estamos a pagar con periodicidade", apuntou. Ademais, explicou que están á espera de que o Ministerio desenvolva o Real Decreto que permita sacar axudas para subvencionar os gastos dos tratamentos.
"E de ser o caso, porque así o pedimos, da vacina que está dispoñible aquí desde o 7 de agosto. Unha vacina desenvolvida por Zendal, un laboratorio galego. Sairán con efecto reatroactivo para cubrir eses gastos aos que os gandeiros están a ter que facer fronte por esta causa", sinalou.
Este martes, a Xunta de Galicia informaba de que notificara ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de cinco novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) nas provincias de Lugo e Ourense.
Concretamente, segundo informaba a Consellería de Medio Rural nun comunicado, trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Lugo e A Fonsagrada, na provincia de Lugo, e de tres focos nas comarcas veterinarias de Baixa Limia, Ourense e Terra de Celanova, na provincia de Ourense.
Ao tratarse de focos localizados en provincias nas que xa se declarou a enfermidade en 2024, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería de Medio Rural.
Con esta declaración, Galicia notificou focos en 15 comarcas veterinarias; 10 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Viana) e cinco na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos, Lugo e A Fonsagrada), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Así, o número de explotacións positivas confirmadas sitúase en 195 e os animais positivos confirmados en 381.
IMPULSO A RAZAS AUTÓCTONAS
Nesta visita a Quiroga, a responsable de Medio Rural comprometeu un impulso ás razas autóctonas, "que se presentan como unha oportunidade para coidar o territorio". Gómez afirmou que o seu departamento autonómico seguirá traballando neste ámbito, apostando pola gandaría, "que é un claro aliado da conservación e coidado do territorio" e por "conservar e protexer as razas autóctonas galegas".
Neste sentido, sinalou o "impacto positivo" que teñen sobre o terreo este tipo de explotacións nas "os animais aproveitan os pastos, limpan e enriquecen os montes", favorecendo un rural "coidado e produtivo que actúa como 'devasa natural".
Nesta liña, lembra a aposta do Goberno autonómico co Plan preventivo, integrado no Plan de prevención e defensa contra os incendios Forestais de Galicia (Pladiga), dotado cun orzamento de máis de 41 millóns de euros, e que contempla a xestión de 5.000 hectáreas a través da gandaría en extensivo como alternativa ao uso de maquinaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.