Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2024 | Actualizada ás 14:43
O persoal das ITVs galegas acordou este luns nunha asemblea convocar unha nova xornada de folga, tanto nas estacións fixas como nas móbiles, para o venres 6 de setembro. Tamén teñen previsto concentrarse en Santiago ese mesmo día fronte á Xunta ás 11,30 horas, coincidindo co paro.
Nunha nota de prensa emitida este martes, a CIG mostrou o seu malestar respecto da falta de contacto entre as partes implicadas desde que se iniciaron as protestas. Deste xeito, o propio persoal denunciou que "non houbo ningún tipo de contacto" nin coa Xunta, nin coa concesionaria, SyC Applus.
Nesta liña, o sindicato lembrou que a pesar de demandar en "varias ocasións" o prego de condicións para coñecer "exactamente" os termos das mesmas, "nin a administración pública galega, nin a empresa facilítaos". Así, a central sindical vén censurando durante as últimas semanas que a concesionaria, que ten o servizo de ITV nas estacións galegas desde o ano 1987, "permaneza inmóbil" cando os traballadores "rebaixaron as súas pretensións para tratar de achegar posturas".
SEGUIMENTO "MASIVO" E DEMANDAS
As xornadas de folga convocadas ata agora, a última celebrada o pasado sábado, foron secundadas de forma "masiva" polo persoal, o que obrigou a pechar as instalacións dos servizos de inspección en toda Galicia. Por esta razón, reclaman que empresa e Xunta "reaccionen", xa que despois de máis de 13 reunións para negociar o convenio colectivo, "non houbo ningún tipo de achegamento".
Por outra banda, o sindicato nacionalista tamén indicou que os principais obstáculos na negociación son os que se refiren a a xornada, aos días de libre disposición ou a avanzar na eliminación das diferenzas entre o persoal de nave, "que chegan aos 500 euros ao mes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.