Temas: RAG XIHADISMO

Rechouchío, xihadismo ou feminicidio, entre as palabras do ano da RAG

Estas tres, conxuntamente con refuxiado, indignación e plebiscitaria, son as verbas finalistas na iniciativa do Portal das Palabras.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 15/12/2015 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

Refuxiado, indignación, feminicidio, plebiscitario, xihadismo e rechouchío. Esas son as seis palabras finalistas da iniciativa posta en marcha polo Portal das Palabras para escoller a palabra galega do ano. 

Xihadista en Siria
Xihadista en Siria | Fonte: periodistadigital.com

Así, e tras a fase de suxestións, na que se recolleron 174 termos distintos, esta web dependente da Real Academia Galega (RAG), vén de abrir a votación para escoller a Palabra do Ano 2015 entre estas seis verbas finalistas. As propostas que chegaron ao Portal encádranse nas liñas de maior actualidade durante estes doce meses. 

Segundo apunta a RAG nun comunicado, os termos achegados durante estes meses teñen que ver cos relacionados coa crise dos refuxiados (acollida, prexuízo, refuxiado, solidariedade…). Outros que falaban da situación social e política e os sentimentos provocados na xente (desafiuzamento, inestabilidade, marea, loita, indignación…). 

Tamén chegaron palabras relativas á barbarie da violencia de xénero (muller, violencia, feminicidio) e do terrorismo fundamentalista (xihadismo, arreguizo, atentado…). Outro foco de interese foron os procesos soberanistas (independencia, secesionismo, plebiscitario...), e houbo outras persoas que valoraron máis os termos do mundo da tecnoloxía (chiar, rechouchío, selfie, etc.).

Fóra das anteriores liñas, tamén houbo propostas de voces eufónicas ou de evocación máis subxectiva (como orballo, paixón, agarimo, ledicia ou morriña) que se deixaron á marxe por non se axustaren ao obxectivo do proxecto.

Nestas últimas dúas semanas de decembro, desde o luns 14 ás 24:00 h. do día 28, estará aberto o proceso de votación para escoller a que será Palabra do Ano 2015 a través de http://www.portaldaspalabras.. O resultado coñecerase o mércores 30 de decembro.

O Portal das Palabras forma parte dunha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización do léxico  da nosa lingua. Os contidos son responsabilidade da RAG e o desenvolvemento técnico faise conxuntamente coa Fundación Barrié. Outros proxectos froito da iniciativa son o Dicionario electrónico e a app Dicionario RAG para móbiles e tabletas dos sistemas iOS e Android.

Temas: RAG XIHADISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta