Por Xurxo Salgado | Vigo | 16/12/2015 | Actualizada ás 08:00
É a fichaxe estrela do PSOE para encabezar a súa lista en Pontevedra. Xuíza e cunha longa traxectoria de activismo en ONGS. Dolores Galovart, Lola, decidiu meterse en política porque, di, “a situación actual é indignante”. E deu o paso, soa, a pesar de que o seu home e compañeiro, o tamén xuíz e ex alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, leva 20 anos metido en política. “Convencinme eu soa, polas miñas propias crenzas”, indica.
Destaca que os xuíces son cidadáns “como calquera outra persoa” pero, en política, quizais teñan, di, “máis prestixio social porque traballan na igualdade social”. “Quizais a xente pense que teñen máis sentido da moderación e da equidade”, indica.
Tamén fai autocrítica sobre a súa profesión. “Eu non son partidaria dun xuízo no que entre todo na mesma causa. Son partidaria de pezas separadas, que son gallas dun mesmo tronco, porque axiliza a instrución”, apunta. E, defende ao líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, das diferencias que manteñen o seu avogado, Cándido Conde-Pumpido e a xuíza Pilar de Lara. “Penso que Besteiro non ten nada que ver con iso”.
Sobre o que pasará logo do 20D, aposta por unha gran coalición. “Como non vai gañar ninguén por goleada, que todos os partidos pacten e teñan conciencia de Estado e deixen os seus egoísmos partidistas para poder sacar o pais para adiante”, indica.
Dolores, quería preguntarte...
Non me chames Dolores. Chámame Lola.
Lola. Es unha xuíza en campaña. Que é máis difícil para ti; un mitin ou un xuízo?
Para mi un mitin, sen dúbida.
E, por que?
Porque son nova neste oficio e teño que axustar a palabra ao que un quere dicir para que te entendan ben e non metas a pata. A verdade e que é complicado. Hai que buscar tamén a posición corporal, a entoación adecuada. É todo unha aprendizaxe, pero unha vai pouco a pouco aprendendo.
Ousexa, que es primeiriza nisto dos mitines?
A verdade é que non tiven experiencia previa. A min gústanme máis as reunións con xente para falar do programa.
Entón es máis do tête a tête?
Si, porque podo interactuar máis coa xente do que se fai nun mitin.
E tes quen te aconselle para cando tes que falar nun mitin?. Dígoo porque o teu home, Ventura Pérez Mariño, xa ten unha longa traxectoria nisto da política...
A min déixanme un pouco ao meu aire. É certo que Ventura me dá certos consellos. Pero tamén é certo que algúns os acepto e outros, non.
E que pasa nesta campaña para que haxa tantos xuíces en listas electorais, especialmente, o PSOE e Podemos?
Sempre houbo.
Pero nesta campaña parece que se fan máis visibles, non?
Antes xa estiveron Juan Alberto Belloch, Garzón, e no País Vasco dous ou tres.... Pero ten en conta que os xuíces somos cidadáns, como calquera outra persoa, e podemos participar na vida política. E por que máis xuíces nestas eleccións?. Quizais porque igual teñen máis prestixio social e porque traballan na igualdade social. Quizais a xente pense que teñen máis sentido da moderación e da equidade.
E non ten que ver tamén polos numerosos casos de corrupción que se coñeceron nesta lexislatura?
Claro, porque os xuíces son fundamentais para atallar isto, aínda que teñen, agora, poucas ferramentas. Ás veces, demoran moito porque necesitan moito apoio e senón o teñen, pois pasa iso. Ás veces, temos que esperar moito tempo por informes, tradutor, recoñecementos psicolóxicos, probas toxicolóxicas, etc.
Entón cres que é necesario facer limpeza na política?
É máis que necesaria. E quen as fai, que pague coas súas consecuencias. Os xuíces están aí cumprindo un servizo público indudidable.
Esta fin de semana o presidente do TSXG criticaba os casos que levan xudicializados cinco anos, como é o do Pokemon. Que pensas ti?
Unha xustiza lenta non é xustiza. Eu non son partidaria dun xuízo no que entre todo na mesma causa. Son partidaria de pezas separadas, que son gallas dun mesmo tronco, porque axiliza a instrución. Eu da Pokémon non teño un xuízo de valor concreto.
Pero supoño que estarás enterada da medio guerra que mantén o avogado Conde-Pumpido e a xuíza Pilar de Lara, ao que tamén fixo referencia o presidente do TSXG?
Conde-Pumpido non era avogado de Besteiro cando se deu ese problema que deu a coñecer a xuíza de Lara. Polo tanto, penso que Besteiro non ten nada que ver con iso. Logo, dos problemas que haxa entre o avogado e a xuíza eu xa non teño nin idea.
Volvamos á política. Que te teñas presentado como candidato ten algo que ver con seguir un pouco a saga familiar que iniciou Pérez Mariño?
Xa pasaron 20 anos desde que Ventura se metera en política. O que pasa é que a situación actual é tan indignante que me pareceu que cando tiven a posibilidade de ir nas listas, tiña a necesidade de facelo. Foi un valor moral meu. E non se trata de dar testemuño a ninguén, nin seguir tradicións de ningún tipo.
E quen te convenceu?
Eu mesma. As miñas propias crenzas. Eu traballei nunha ONG toda a vida, en diferentes organizacións, e estiven tamén na loita antifranquista e viña, un pouco, cunha traxectoria marcada para tentar facer cousas desde outra perspectiva, que neste caso, é a política.
E que esperas destes comicios?
Espero que gañe o PSOE.
Pero velo factible, porque as enquisas din todo o contrario?
Sempre creo que hai que intentalo ata o último minuto. Eu participo para gañar e gañar para mellorar.
Supoño que te metiches en política para defender algo concreto?
Pois gustaríame traballar no Congreso en temas de xustiza social, e intentar modernizar a xustiza e dotala de medios e tamén en temas da muller, da violencia de xénero, por exemplo.
Son estas as cuestións nas que te estás centrando durante a campaña?
Son as que me centro porque son as que vivo e as que me interesan.
Como ves os resultados en Pontevedra, porque as enquisas falan dun empate entre PSOE e En Marea?
Nós vamos a dálo todo porque o partido está aínda todo por xogar. E penso que aínda hai tempo para dar volta a enquisas. Desde logo, non imos a tirar a toalla.
E un último desexo que teñas para estes comicios?
Pois o desexo fundamental é que se paren os recortes. Que crezamos para repartir e se fagan políticas sociais, que volvamos a onde estabamos en sanidade e que o hospital Álvaro Cunqueiro sexa público. Tamén que teñamos unha educación pública de calidade para todos e, que como non vai gañar ninguén por goleada, que todos os partidos pacten e teñan conciencia de Estado e deixen os seus egoísmos partidistas para poder sacar o pais para adiante.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.