A Marcha Mundial esixe á Xunta protocolos inmediatos que afasten das aulas a docentes con procesos por abusos

A Marcha Mundial dás Mulleres mobilizouse este luns ante o centro educativo ourensán no que un profesor, agora condenado a 13 anos e medio de prisión por agredir e abusar sexualmente dunha alumna menor de idade, impartiu clases durante o último curso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

A Marcha Mundial das Mulleres mobilizouse este luns ante o centro educativo ourensán no que un profesor, agora condenado a 13 anos e medio de prisión por agredir e abusar sexualmente dunha alumna menor de idade, impartiu clases durante o último curso. Aínda que a Consellería de Educación trasladou a semana pasada que este docente non se incorporaría ás súas funcións a pesar de recorrer a sentenza ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (que non é, por tanto, firme), para a Marcha das Mulleres o anuncio non foi suficiente e mantiveron a convocatoria para esixir "protocolos rápidos, eficaces e inmediatos" que afasten aos docentes con procesos xudiciais abertos por abusos ou agresións sexuais, para que "se garanta a seguridade" das aulas.

"Un agresor non vai ser un bo docente", esgrime a portavoz do colectivo en Ourense, Antía Pousa, quen tamén reprocha que se permitiu que o profesor "exercese de titor e docente de informática" no centro ao que foi trasladado, "polo que tiña acceso a correos electrónicos das alumnas, así como aos seus contrasinais e mesmo chegou a ir de excursión con pasar a noite con elas". Denuncian que o docente, agora condenado tras o xuízo celebrado o pasado mes de xullo, seguiu exercendo a súa actividade despois da denuncia interposta pola menor en 2021. Segundo explica Pousa, o profesor foi trasladado do centro no que se produciron as agresións ao novo colexio no barrio ourensán da Ponte o pasado curso, e neste novo colexio non se avisou ás familias da situación.

O colectivo recrimina que se limitase a cambiar ao mestre de centro e non se tomase a decisión de "apartalo por completo" das aulas ata que denunciaron o caso a pasada semana para tentar evitar que se incorporase ao claustro. "Soubemos que o docente estaba en listas para incorporarse hoxe ao seu posto de traballo, non había procedemento de suspensión aberto", explica Pousa, indicando que o propio venres, horas despois da rolda de prensa na que a Marcha Mundial das Mulleres denunciou esta situación, a Consellería de Educación anunciou que abrira un expediente ao mestre e tamén a resolución do mesmo. "Resolveuse en cuestión de horas tras a nosa denuncia, así que este caso está encamiñado, pero non é suficiente porque pode suceder noutros centros". É por iso que reclaman que se poñan en marcha protocolo "rápidos e eficaces" para evitar este tipo de situacións.

Unha protesta da Marcha Mundial das Mulleres
Unha protesta da Marcha Mundial das Mulleres | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta