Moito se fala de piñas, pero este concello galego celebra as Festas das Peras

A vila de Pontedeume celebra as súas festas patronais desde o 7 ata o 11 de setembro.

Por Amanda Fernández | Lugo | 06/09/2024 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

Ultimamente hai unha froita de moda: a piña, por isto de ir ligar ao Mercadona que tan famoso se fixo nas redes sociais. Porén, nesta reportaxe imos falar de peras e concretamente dun concello galego que celebra do 6 ao 11 de setembro as súas festas patronais. Trátase de Pontedeume e as súas Festas das Peras. "Chámaselle así porque un dos días celébrase un concurso de froitas autóctonas da vila e porque esta é a época na que se dan as peras, pero tamén hai pexegos, mazás...", conta José Antonio Allegue, veciño da vila que nos vai facer un percorrido polos puntos máis destacados do programa.

peras 4
peras 4

Comeza destacando o día 7 coa saída dos mómaros e cabezudos, acompañados das bandas de música, no "día festivo". Hai un mómaro e unha mómara de gran estatura, cunha estrutura interior de ferro, vestidos con traxes e coas cabezas feitas en cartón-pedra. "Son enormes e van acompañados dos cabezudos, tamén feitos no mesmo material. Hai anos nos que traen aos mómaros doutro concello de por aquí e os nosos van para outro. Porén sempre queremos que saian os propios!", indica. Xa pola tarde, ás 19:00h é a ofrenda floral e eucaristía na Igrexa das Virtudes e posteriormente o pregón a cargo de Javier Iglesias Villanueva. Remata a xornada con dous concertos. "Aquí as festas adícanse a dous santos, a Virxe das Virtudes, á que se lle fai unha misa solemne na súa capela o día 8; e San Nicolás de Tolentino", explica.

Así, o día 8 despois dese acto relixioso na Honra da Nosa Señora dos Virtudes, a vila vive a cucaña marítima e queima do Galán. E isto que vén sendo? "Córtase a carreteira que vai cara A Coruña porque hai moita expectación. A cucaña consiste nun reto con tres premios, no que nunha embarcación hai un poste cunha bandeira, que tentar coller. Poñen o bañador e corren por un poste inclinado cara o obxectivo porque senón ninguén marcha comer. Despois, na rotonda realízase a famosa Queima do Galán, un boneco posto nunha embarcación, cuns remos, que comezan a xirar e moverse. Ao final vai moi rápido, séntese un asubío e explótalle a cabeza e todo o mundo quere collela". Xa pola tarde hai xogos para os nenos e competicións para xente de todas as idades e pola noite, verbena coas orquestras Galilea e D'Ases. 

O FAMOSO CONCURSO DE FROITAS E OS BOLOS DE SÁN NICOLÁS

O día 9 terá lugar o famoso Concurso de Froitas, que dá nome ás festas, na Alameda de Raxoi. "Non fai falta coller piñas e ir ligar aos supermercados, aquí hai de todo, xa vén desde as orixes das festas aló por mediados do século XIX. É unha tradición que a xente leve froitas da casa en cestos de vimbio para presentar nas mesas. Hai un xurado que lles outorga un número e uns premios ás mellores froitas da tempada. Tamén se venden por cestas e cada propietario marca os prezos", comenta José Antonio. Ademáis, tamén hai degustación de popular de sidra "para todo o mundo" e "queixo fresco con marmelo". Pola tarde contan con moita proposta musical e xa pola noite verbena. 

peras 2
peras 2

Situámonos no día 10 coa festividade de San Nicolás de Tolentino e a misa solemne na súa honra con posterior procesión na igrexa parroquial. Un momento moi característico é o reparto dos Boliños de San Nicolás: "Sempre se lle encargan á mesma panadería e vén sendo un pan doce, que se pode comer no momento ou gardalo. Aguanta ben ao ser pan duro e din que dá sorte, eu aínda teño na casa os do ano pasado! E tamén se elixe ao novo bicario para o ano seguinte". Como outro punto forte estarían o espectáculo pirotécnico dos Fogos Artificiais, que ten a súa historia: "Hai dúas referencia de tirada, dende o mar e desde o torreón, nunha especie de competición. O torreón representa ao pobo e os barcos representan aos invasores e disparan uns e outros, polo que se ilumina todo. Pode verse desde a Ponte, o porto, a praia da Magdalena... E logo a seguir coa verbena que estará El Combo Dominicano!

O DERRADEIRO DÍA 

Finalizan as Festas das Peras o día 11 cando xa pola mañá cedo se sae nas embarcacións para ir de romaría ao río, na Xunqueira. Unha xornada chea de música tradicional, con familias que buscan un sitio no que pousar toda a comida que prepararon o día anterior e así comer. Pasan aló o día e despiden as celebracións por todo o alto!

José Antonio anima a todo aquel, que aínda non veu a esta pequena vila mariñeira "moi acolledora" por estas datas. Recoñece que son días nos que cada casa ten a cociña chea de convidados e que se come xuntiños, pero "onde collen 30, tamén collen 31" e "cantos máis, mellor". 

peras
peras
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta