O prazo para pedir as axudas galegas para contratar a mulleres en sectores masculinizados finaliza a finais de mes

Como un dos obxectivos estaría diminuír a fenda salarial entre xéneros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2024 | Actualizada ás 12:59

Comparte esta noticia

A Xunta lembrou que o próximo 30 de setembro finaliza o prazo para solicitar as axudas para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas. Segundo informou nun comunicado o Executivo galego, cun orzamento inicial próximo aos 1,7 millóns de euros, que poderá ser ampliable, é a primeira vez que pon en marcha esta iniciativa.

Con estas achegas búscase incrementar a presenza de mulleres en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas.

Ao mesmo tempo, tamén ten como obxectivo contribuír a atraer e reter talento e a diminuír a fenda salarial entre xéneros incrementando a renda das mulleres e a súa promoción profesional.

Poderán ser entidades beneficiarias as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia.

O obxectivo é beneficiar a unhas 75 mulleres desempregadas para ser contratadas en ocupacións como a enxeñaría en construción e obra civil; as enxeñarías relacionadas co deseño, investigación e desenvolvemento, análise e deseño de software; ou en ocupacións técnicas relacionadas coas ciencias físicas, químicas e ambientais. Tamén no ámbito da loxística, transporte de pasaxeiros e mercadorías e nas relacionadas coa mecánica e reparación de equipamentos electrónicos, entre outras.

Imaxe ilustrativa da fenda salarial entre homes e mulleres
Imaxe ilustrativa da fenda salarial entre homes e mulleres

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta