Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/09/2024 | Actualizada ás 16:05
O PP galego desmarcouse da chamada da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, aos mandatarios populares a non acudir á rolda de reunións cos presidentes autonómicos anunciada esta semana polo xefe do Goberno central, Pedro Sánchez.
"Levamos uns cuantos meses pedindo que, por fin, o presidente do Goberno reciba a Alfonso Rueda. A intención é que acuda a trasladarlle todas as demandas que estes meses leva acumulado", manifestou este venres en rolda de prensa o portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago.
Nesta liña, preguntouse "cando ten pensado" o presidente Sánchez "levantar o veto" a Rueda "cinco meses despois" da súa toma de posesión, un período no que, como lembrou, si se reuniu co novo lendakari, Imanol Pradales, e co president da Generalitat, Salvador Illa.
Para Pazos Couñago, a falta de convocatoria a un encontro en Moncloa cun presidente autonómico ao comezo da súa lexislatura é "outro desprezo" cara a Galicia por parte de Sánchez, que ten "moitas débedas pendentes" coa comunidade. Por tanto, subliñou que Rueda "acudirá" ao encontro "se Sánchez ten a ben deixar á beira o seu sectarismo" e convócao para, desta forma, poder "trasladarlle todas as demandas" do Goberno galego.
En todo caso, manifestou as súas discrepancias coa rolda de reunións coas comunidades avanzada por Sánchez porque cre que non é a forma na que debe ser abordado o debate do financiamento autonómico.
Así, reclamou a convocatoria dunha conferencia de presidentes na que articular unha "negociación multilateral" en lugar de reunións "uno a un" nas que ve un intento de Sánchez por "dobrarlle o brazo" ao resto de autonomías para "favorecer" a Cataluña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.