Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/09/2024 | Actualizada ás 12:00
Cando un líquido, nomeadamente a auga, forma unha gran cantidade de burbullas na súa tona ó ferver ou ó caer desde certa altura, en castelán dise que xera borbotones ou borbollones, ou, no caso de ferver, que hierve a borbotones ou a borbollones.
En galego ese líquido nin ferve nin cae *a borbotóns, dado que na nosa lingua dispomos doutras locucións que dan conta dese mesmo significado, como deseguido imos ver:
A borbotones
A borbollones
{= Formando un líquido, nomeadamente a auga, gran cantidade de burbullas na súa tona ou superficie ó ferver ou ó caer desde certa altura.}
[E MAIS]:
A callón
Ex.: La pasta se añadirá cuando el agua esté hirviendo a borbotones.
A pasta engadirase cando a auga estea a ferver a cachón ‡ a gallarón ‡ a callón.
Ex.: Daba gusto ver como el agua de la cascada caía a borbotones.
Daba xenio ver como a auga do cadoiro caía a cachón ‡ a gallarón ‡ a callón.
● Tamén:
A gallarope && A gallaropes && A boullón && A gurgullo
● Mesmo tamén, mais só como locución verbal sinónima de ferver a cachón ou ferver a gallarón:
Ferver a berro alto
NOTAS:
1. Nas dúas seguintes entregas abordaremos as locucións galegas correspondentes ás castelás a borbotones e a borbollones nos seguintes contextos:
a) Aqueles en que as ditas locucións van complementando verbos do tipo de saír # brotar # manar # sangrar... e espremen o significado de «de xeito tal que un líquido –ou, en ocasións, algunha outra entidade– sae con forza e de modo violento e/ou atropelado (e moitas veces tamén descontinuo, coma a pulos)»:
Ex.: La sangre manaba a borbotones.
a) Aqueles en que van complementado verbos, ou locucións verbais, do tipo falar # expresarse # dicir algo # ...:
Ex.: La pobre chica, presa de los nervios y la tensión, solo conseguía hablar a borbotones.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, publicado en 1985. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Leiras Pulpeiro, Manuel: Vocabulario datado en 1906. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Lugrís Freire, Manuel: Gramática do idioma galego (2ª edición, corrixida e aumentada). A Coruña, Imprenta Moret (Galera, 48), 1931.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XVII, pp. 83-114. Ano 1951.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Contribución al léxico gallego y asturiano”. Archivum (Oviedo), III, pp. 113-134. Ano 1953.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Universidade de Santiago, 1977 (Verba, anexo 7).
- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.